As mulleres resistentes amosan o seu legado no Vello Cárcere de Lugo

A mostra homenaxea loitadoras contra o fascismo
A recoñecida actriz galega María Casares. (Foto: Europa Press)
photo_camera A recoñecida actriz galega María Casares. (Foto: Europa Press)

Enriqueta Otero, as irmás Fandiño Ricart (As Marías de Compostela), as irmás Touza, Placeres Castellanos, Mercedes Núñez, Consuelo Rodríguez 'Chelo' e María Casares son só algunhas das mulleres resistentes ás que honra unha exposición documental que foi inaugurada esta sexta feira no Vello Cárcere de Lugo.

A mostra forma parte dun proxecto máis amplo, chamado Mulleres Resistentes que está activo a nivel internacional, e que na Galiza vén de impulsar a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica

A asociación pretende "darlles a visibilidade que merecen"

Despois de pasar por salas de Francia e Madrid chega ao país para unha homenaxe cidadá a aquelas persoas que contribuíron no movemento polos dereitos da muller e ás loitadoras antifascistas da etapa comprendida entre 1936 e 1945 que traballaron a prol da democracia en Europa.

A mostra estará dispoñíbel no centro cultural lucense até o próximo 5 de xaneiro. 

Con esta proposta, a asociación pretende "darlles a visibilidade que merecen" a persoas que estiveron nas milicias, que fixeron loita política, que actuaron na retagarda, a guerrilleiras, a represaliadas... E "crear un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa" así coma "estreitar lazos coa sociedade civil dos diferentes países participantes". 

De feito, a exposición viaxará a Italia, Portugal e Alemaña após despedirse de Lugo. Antes, o día 11, decorrerá tamén no Vello Cárcere un encontro internacional con investigadoras chegadas de Alemaña e Francia e da propia Galiza.

Destacan, por exemplo, a escritora Paloma León; a investigadora María Lopo; e a escritora Verena Boss. Tamén fornecerán os seus puntos de vista nas palestras familiares de exiliadas e represaliadas como René Miguel Bueno, Salomé da Torre e Paz Gómez del Valle.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios