A 'mestra galega', máis viva na memoria de Cee e Corcubión

A mestra republicana Mercedes Romero Abella foi homenaxeada polo BNG de Cee no marco dos actos polo Día da Galiza Mártir.
Homenaxe a Mercedes Romero Abella en Cee.
photo_camera Homenaxe a Mercedes Romero Abella en Cee.

"Foi un acto moi emotivo, tal vez o recordo máis emocionante dos que celebramos nos últimos anos", afirma a Nós Diario Serxio Domínguez, responsábel do BNG de Cee e organizador xunto á Comisión pola Memoria Histórica da Coruña dun acto de recoñecemento público a Mercedes Romero Abella.

A mestra republicana, coñecida como a 'mestra galega, foi asasinada polo franquismo en novembro do ano 1936. Nada en Cee e criada en Corcubión, onde sei pai traballaba como fotógrafo, estudou Maxisterio na Coruña, onde acabou como mestra na escola unitaria para nenas de Monelos. Antes impartira aulas na Pastoriza (Terra Chá) e en Meangos, Abegondo, comarca da Coruña.

A homenaxe, que se desenvolveu na 'praciña do Olvido' de Cee, contou coa participación da neta de Romero Abella, Reyes Álvarez Mazariegos; dos poetas da Costa da Morte Xaime Trillo, Álex López e Suso Bahamonde; máis coas intervencións do ex alcalde de Corcubión, Rafael Mouzo, do escritor Suso de Toro e do propio Serxio Domínguez.

Foto de familia da homenaxe a Mercedes Romero Abella.
Foto de familia da homenaxe a Mercedes Romero Abella.

Represión

"Puidemos escoitar de primeira man o relato da neta de Mercedes Romero Abella, de quen empezou a saber hai apenas 15 anos, grazas ás primeiras achegas do pai do seu compañeiro e do traballo de recuperación da comisión de memoria histórica da Coruña".

A 'mestra galega', que foi presidenta da Federación Española de Traballadores do Ensino (FETE-UXT) e estivo casada con Francisco Mazariegos Martínez, empregado de banca e sindicalista da UXT no Banco Pastor, detido polo franquismo só dous días despois do golpe do 36, sometido a consello de guerra por rebelión militar, condenado a pena de morte e fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936, resultou apresada pouco despois do asasinato do seu marido.

Violada e fusilada

Detivérona cando cando tentaba facer xestións para embarcar cara América. Foi violada, torturada e fusilada no pozo 'da Castellana', en Aranga (As Mariñas) o 19 de novembro de 1936.

Mercedes Romero Abella foi enterrada nunha gran fosa común no cemiterio de Vilarraso, onde inicialmente foi inscrita como "Descoñecida nº 21". En 2018 resultou unha das once persoas localizadas e identificadas da trintena de represaliadas soterradas no lugar.

A 'mestra galega' foi identificada grazas ao ADN, mais tamén á bata negra que vestía, cun lapis e un  carbón de debuxo no peto.

O recoñecemento público a Mercedes Romero Abella, que xuntou medio cento de persoas, aproveitouno o escritor Suso de Toro para reivindicar "a chama viva" que representan todos cada un dos actos pola memoria que teñen lugar estes días na Galiza, que sen concentrar moita xente, dan conta do seu valor e significado.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios