A "historia e memoria" das mulleres de Pontevedra, difundida a través de roteiros urbanos

Catro percorridos repartidos por distintos puntos do municipio.
Xornaleiras de Ponte Sampaio, en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Xornaleiras de Ponte Sampaio, en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

O programa A Memoria das Mulleres, promovido polo Concello de Pontevedra, vén de pór en marcha unha serie de roteiros urbanos para recoller e difundir a "historia e memoria" de mulleres de todo o municipio.

Estes roteiros, dispoñíbeis na páxina web Do gris ao violeta, constan dunha pequena introdución explicativa, na que  se detalla o contido do roteiro.

A continuación, cada roteiro achega un mapa interactivo que para poder facer o percorrido. Neste, ademais dos diferentes puntos do roteiro, tamén se poden ler pequenos cadros de texto nos que se narran anécdotas e datos interesantes sobre cada un deles.

Aliás, os roteiros contan tamén cunha versión sonora en iVoox e Soundcloud para aquelas persoas que prefiran escoitar os pequenos cadro de texto coas explicacións no canto de lelos.

Catro roteiros

En total, A Memoria das Mulleres conta por agora con catro roteiros, enfocados a diferentes ámbitos da cidade e do resto do municipio. O primeiro deles está dedicado ás mulleres represaliadas de Pontevedra, e realiza un percorrido pola "memoria das pontevedresas que sufriron a represión franquista, de maneira directa ou polo que supuxo nas súas vidas a exercida sobre os homes da familia". Foi deseñado pola historiadora Montse Fajardo, biógrafa de Virxinia Pereira.

O segundo dos roteiros está centrado nas mulleres soterradas no Cemiterio Municipal de San Amaro. Desde o recinto primitivo até as últimas ampliacións, o percorrido achega datos sobre a vida dalgunhas das mulleres que se atopan nas sepulturas. Este roteiro foi ideado por Etnoga.

O roteiro Pontevedra en feminino, deseñado pola historiadora María Xesús López Escudeiro, pretende mostrar o papel que "desempeñaba a muller en cada época" da cidade, a través dos edificios, rúas e prazas. "Coa lembranza dos nomes, dos lugares e das biografías coñecemos a importancia das súas achegas e recoñecemos a súa presenza na historia da cidade", sinala o Concello.

Por último, o Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres está centrado neste barrio mariñeiro da cidade vella, que "tivo o seu momento de esplendor durante os séculos XV e XVI". Este percorrido, que tamén foi deseñado por Etnoga, "percorre a historia das tres Moureiras a través dun paseo polos principais oficios das súas mulleres".

Comentarios