A Agrupación Alexandre Bóveda lembra os xermolos do Galeusca

Actos na Coruña con motivo do Día da Galiza Mártir.
María Xosé Bravo, Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Ramón Freixeiro Mato, onte no acto na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Xosé Bravo, Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Manuel Sánchez Rei, onte no acto na Coruña (Foto: A. C. Alexandre Bóveda).

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, como todos os anos desde 2008, conmemorou onte o Día da Galiza Mártir na Coruña, en Catro Camiños, diante da escultura do líder galeguista asasinado na Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936.

Nesta ocasión, ademais da ofrenda floral, a entidade contou coa intervención do director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, o investigador e historiador Uxío–Breogán Diéguez Cequiel, para lembrar o centenario do que máis tarde coñeceríase como Galeusca, a Tripla Alianza, selada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona durante a Diada, polas forzas nacionalistas das tres nacións: Irmandades da Fala e Irmandade Nacionalista Galega, pola Galiza; Acció Catalana, Estat Català e Unió Catalanista; por Catalunya; e o Partido Nacionalista Vasco e Acción Nacionalista Vasca, por Euskal Herria. 

A presidenta da asociación, María Xosé Bravo, lembra a Nós Diario os inicios deste acto ao redor dunha peza artística do ceramista Francisco Pérez Porto. “O acto variou de localización, mesmo se realizou en Oleiros, até que o Concello da Coruña decidiu situar esta obra nun paseo co seu nome”, apuntou a responsábel da entidade, “e sempre ao redor da data do Día da Galiza Mártir, non na propia xornada que nós tamén realizamos na Caeira”, engadiu. 

Bravo incidiu en ter en conta que a data xurdiu na Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, “coa idea de homenaxear tamén os asasinados e as asasinadas en toda a Galiza, tamén na Coruña como foi o caso de Pedro Galán Calvete ou Mercedes Romero Abella”. 

Neste sentido, Bravo sinala que levan un ano traballando nun proxecto paralelo que leva por nome 'A Coruña literaria', unha iniciativa “na que Ánxel Casal foi fundamental, tamén o grande impulsor das escolas de ensino en galego que agora conmemoran o seu centenario”. 

A antesala do Galeusca

No acto desta segunda feira tamén se lembrou a sinatura en 1923 do que logo sería o Galeusca. “A memoria histórica non consiste só en falar da represión do fascismo, senón tamén da nosa historia en xeral”, considera María Xosé Bravo, “e esta efeméride está moi esquecida no calendario”, asegura. A intención da entidade foi desde sempre “falar tamén dos éxitos, como neste caso foi a unión desas tres forzas nacionalistas ou tamén das escolas de ensino en galego que a chegada do golpe de Estado truncou". 

Actos institucionais en Santiago e Poio

A Casa do Concello de Compostela acollerá o 18 de agosto ás 12 horas, un acto institucional en lembranza e homenaxe do alcalde da capital galega asasinado polo franquismo, o nacionalista Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e “á de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia”. Nesta homenaxe participarán representantes dos concellos de Santiago, de Teo e de Arzúa co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida. Así, están previstas intervencións da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín; da tenente de alcaldesa, María Rozas, da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; e do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.

Tamén onte presentouse en Poio o acto oficial que terá lugar na Caeira o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir. Nel participaron o alcalde, Anxo Moldes, e o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios