Un batalla que marcou a historia da guerrilla galega na Raia Seca

A memoria rebelde do Cambedo ao descuberto

A batalla do Cambedo é un dos fitos de referencia da loita guerrilleira nas terras arraianas. Un suceso que marcou o devir da resistencia contra o franquismo fai agora 75 anos e que segue a buscar o lugar que se merece na historia da loita democrática e da irmandade entre a Galiza e Portugal.
Foto carceraria de Albertina Tiago, unha das mulleres detidas após a batalla de Cambedo. (Foto: Edicións Positivas)
photo_camera Foto carceraria de Albertina Tiago, unha das mulleres detidas após a batalla de Cambedo. (Foto: Edicións Positivas)

O 19 de decembro de 1946, Cambedo da Raia, unha aldea da freguesía de Vilarehlo da Raia, no concello de Chaves, apareceu rodeada de efectivos da Garda Civil española e de membros de diversos corpos de seguridade portugueses como a Garda Nacional Republicana, a Garda Fiscal, o exército e a PIDE, a temíbel policía política do réxime de Salazar.

A envergadura do despregue de forzas da ditadura española e portuguesa e o cerco sobre as bases de apoio das guerrillas galegas na Raia Seca impediu a fuxida dos resistentes e obrigounos a unha batalla desigual que se alongou durante horas e onde se empregou artillaría pesada contra as vivendas de refuxio dos antifascistas.

Os resultados do confronto foron demoledores para a guerrilla galega. No combate morreron Bernardino García García e Juan Salgado Riveiro. O primeiro, natural de Viana do Bolo, após combater durante horas, rematou por suicidarse antes do final do confronto. O segundo, orixinario de Oimbra, destacado músico, militante libertario, ligado, ao tempo, á guerrilla de Mario de Langullo  non deu escapado ao cerco e acabou morto a mans das autoridades españolas.

As diversas tipoloxías represivas cebáronse cos outros membros do grupo e coa a súa rede de apoio. O seu máximo responsábel, Demetrio García, natural de Oímbra e no monte desde 1937 permaneceu encarcerado durante 19 anos, unha parte importante dos cales transcorreron no tristemente celebre campo de concentración de Tarrafal, en Cabo Verde. O seu cuñado, Manuel Barcia, e a súa familia sufriron, tamén, diversas penas de prisión de diferente consideración, morrendo o seu bebe, Primitivo, nun centro de reclusión da PIDE.

“A represión foi tremenda”

Unha das grandes estudosas da batalla do Cambedo, a antropóloga do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, Paula Godinho sinala a Nós Diario que “a represión foi tremenda, con ducias de veciños detidos” e lembra como “oito cidadáns españois de aldeas próximas foron xulgados e expulsados para o seu país, co prohibición de entrar en Portugal. Cambedo da Raia perdeu 18 dos seus habitantes por mais de un ano”.

A batalla do Cambedo significou o momento final dun proceso que se iniciara após o golpe de Estado de 1936, en que a permeabilidade da fronteira e o acollemento de quen fuxía do terror franquista na Galiza tiñan ocorrido en case toda a Raia”, continúa Godinho, quen explica que o apoio dos veciños da Raia Seca aos fuxidos galegos como consecuencia dunha “historia longa, que une, nunha fronteira que foi menos clara até o Tratado de Limites de 1864. Historias de sociabilidades continuadas, resultantes dos traballos e da convivialidade”.

O historiador Dionisio Pereira é outras das persoas que ten traballado na Galiza a loita da guerrilla na Raia Seca. Neste sentido, destaca a Nós Diario “o significativo apoio da poboación rural de Castro Laboreiro, da Serra da Peneda, do Barroso e da raia trasmontana á loita guerrilleira. Pola contra, as relacións coa oposición antisalazarista existiron pero foron pouco relevantes, agás no Cambedo onde o “aparello de fronteira” do PCP contou coa axuda da guerrilla alí radicada”.

“A Raia Seca portuguesa viviu entre 1936 e 1947 nun estado de excepción”

“En resumidas contas, a Raia Seca portuguesa viviu entre 1936 e 1947 nun estado de excepción non declarado”, afirma Pereira, quen asevera que “a reacción do salazarismo foi moi dura: centos de veciños e veciñas daquelas contornas pasaron polas cadeas da PIDE en Bragança, Chaves, Melgaço e Porto acusadas de colaborar coa guerrilla e, mesmo, dúas persoas, unha de Sernande (Vinhais) e outra de Sanfins da Castanheira (Chaves), morrerán polas torturas”.

Paula Godinho e Dionisio Pereira son dúas das persoas que colaboran no volume Cambedo da Raia. Solidariedade galego-portuguesa silenciada, reeditado por Edicións Positivas con motivo de 75 aniversario daqueles sucesos e onde colaboran, entre outros, David Cortón, Domingos da Costa Gomes, Antonio Loja, Jose Alves, Luís Martínez-Risco, José Dias, Rui Gomez, Xurxo Ayan e Ana Luísa Rodrígues.

O editor da obra, Francisco Macias, significa a Nós Diario que “pareceume moi interesante volver a pór no mercado un libro publicado no seu momento por Amigos da República de Ourense, que chegou a esgotar dúas edicións e ofrece diversas visións sobre o acontecido no Cambedo pero que ao mesmo tempo se complementan”.  Na mesma orientación, destaca que “estes sucesos modificaron a historia da guerrilla galega”.

As razóns do Cambedo insubmiso

É un dos lugares míticos da guerrilla antifascista galega. Ligado por razóns  históricas, culturais e de veciñanza coa Galiza, a súa memoria pide paso e busca saír á luz. O labor do movemento memorialístico ou de investigadoras como Paula Godinho contribúen a ese obxectivo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios