Matías da Torre: “San Simón debe ser nomeada como illa da memoria”

Matías da Torre é un veterano do movemento memorialista. Comprometido desde hai moitos anos na recuperación da illa de San Simón como espazo da memoria e na restauración das vitimas do campo de concentración franquista, analiza para Nós Diario a situación da illa e explica os actos previstos en homenaxe aos represasliados do franquismo para mañá 17 de xullo.

Matias  da Torre
photo_camera Matías da Torre, activista de Iniciativa Galega pola Memoria (Foto: Nós Diario)

Este ano a homenaxe nacional ás vítimas organizada pola Iniciativa Galega pola Memoria na illa de San Simón está centrada na resistencia ao fascismo, por que unha homenaxe á guerrilla?

Todos os anos escollemos un tema para a homenaxe co fin de ir recoñecendo o que significou a represión franquista en todos os ámbitos da sociedade. A verdade é que a guerrilla ficara atrás durante pasadas edicións, talvez pola necesidade de centrar a lembraza na primeira represión . A resistencia ao franquismo comeza moi cedo, mais perdura no tempo no noso país, aínda na mal denominada “posguerra”, e como damos conta na actualidade este é un tempo de resistencia, e este movemento organizado na Galiza debe espallarse entre a xente pola súa importancia na loita antifranquista e as súas ensinanzas resilientes perante a persecución dunha ditadura armada e represiva en todos os aspectos.

Até que punto, a guerrilla non é unha das grandes esquecidas polo movemento memorialista e a que cre que se debe?

Nós non acreditamos que sexa un movemento esquecido ou infravalorado como algunhas persoas poidan pensar. Ao contrario, as investigacións da guerrilla antifranquista na nosa terra é temperán, pois só hai que lembrar pioneiros como Bernardo Máiz ou Harmut Heine, ou moitos dos estudos que viñan sendo achegados polas comarcas sobre Foucellas, O Piloto, O Corcheiro... Hai xa máis de dez anos Autora Marco indaga sobre as mulleres na guerrilla, ou ponse en valor o papel de Chelo, a derradeira guerillera; xunto coas incansábeis participacións do guerrilleiro berciano Quico, ou os moi actuais traballos de Eliseo Fernández e Dionisio Pereira, son proba de que sempre se valorizou o papel da resistencia antifranquista. Se cadra, o que ten faltado, é unha grande homenaxe nacional como si se ten feito noutros eidos da memoria.

O acto previsto para mañá domingo ten como moito a lembranza dos guerrilleiros e guerrilleiras, en que vai consistir a programación deste ano?

No acto participarán unha trintena de colectivos vindos de todo o país, o que vai sumar a 500 persoas que temos como límite, Imos levar a cabo dúas visitas guiadas pola historia da represión do campo de concentración e prisión franquista e posteriormente, ás 12, comezará o acto dentral de homenaxe. Nel intervirán Xurxo  Souto como mestre de cerimonias e condutor do evento, Aurora Marco no nome das investigadoras e investigadores da guerrilla e a resistencia antifranquista, amais contaremos cunha mensaxe de adhesión enviada polo guerrileiro Quico e as colaboracións musicais de Uxía con Sheila Patricia e os Gaiteiros da Memoria.

A homenaxe nacional ás vítimas volve a pór enriba da mesa os usos da illa, como cualifica a posición neste tema do Goberno galego e por onde pensa que debe pasar ese plan de usos demandado desde o mundo da memoria?

De feito esta reivindicación é unha constante na Iniciativa Galega pola Memoria, de aí que un ano atrás do outro faga parte das demandas do manifesto que se comunica no acto central da illa, o cal mañá será lido por Irene Álvarez Francés, de avogados novos.

Nós o que cremos é que San Simón é un espazo tan simbólico para a represión fraquista vivida na Galiza, que como lugar da memoria que é, debe ser nomeado como a illa da memoria, ao igual que se fai nas democracias europeas que sufriron o  fascismo. Xa que logo, o que tería facer o Goberno galego sería darlle uns usos acordes e repectuosos co acontecido alí, e non banalizar e desprezar a illa para convertela nun parque de atraccións turísticas onde collen todo tipo de actividades lúdico-festivas. Ten que haber un posicionamento responsábel para usar a illa cunha sensiblidade educativa, cultural, sempre coa memoria de fondo e cun obxectivo de uso público, que non caia na privatización de eventos de calquera tipo que obvien o pasado que debe estar presente e saír á luz no momento en que a cidadanía acceda a San Simón.

As actuacións do Goberno galego no tema da memoria histórica baséanse en permitirlle á IGM como coordenadora do movemento memorístico da Galiza, unha vez ao ano, achegármonos á illa para realizar unha homenaxe, por tanto, pagar o catamarán e pór o son. E acabouse a política pública da memoria por parte da Xunta. Somos nós, os colectivos representado a sociedade cilvil, quen debemos termar de facer memoria, pois institucionalmente aquí só hai excepcións como a Deputación de Pontevedra, ou algúns concellos que a promoven, cando é realmente unha obriga moral,legal e democrática de todas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios