O PP bloquea a declaración do monumento aos mártires de Carral como BIC

O grupo popular rexeitou a protesta do BNG na comisión de Educación e Cultura que decorreu hoxe no Parlamento. Argumentou que o elemento xa está protexido ao estar integrado no Catálogo de Patrimonio Cultural da Galiza. Tampouco saíu adiante o incremento da consideración do xacemento de Castro Valente, cuxo obxectivo era protexelo dun posíbel parque eólico na zona.

Comisión de Cultura desta sexta feira na Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Comisión de Cultura desta sexta feira na Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)

O argumento do Bloque Nacionalista Galego sobre o elemento construído no centro davila de Carral para homenaxear os “Mártires de Carral”, que representan un “fito fundacional do galeguismo contemporáneo”, non serviu para que fora aprobada a súa declaración como Ben de Interese Cultural da Galiza (BIC).

No transcurso da comisión de Educación e Cultura o PP vetou que esa consideración saíra adiante. Desde o punto de vista do deputado popular José Luis Ferro, a negativa ten xustificación porque ser BIC “podería supor un incremento da súa consideración, pero non da súa protección”.

Así, ante os nacionalistas esgrimiu que tal vixilancia “xa está garantida” porque o monumento é parte no “Catálogo de de Patrimonio Cultural de Galicia desde o ano 1993 e está incluído no Plan Básico Autonómico".

A este respecto, a nacionalista Mercedes Queixas lamentou que o partido de Goberno bloqueara este paso novo “a pesar de recoñecer que o monumento cumpre con todos os requisitos”.

Para o BNG, insistiu, é unha “páxina viva da historia colectiva galega”. Neste sentido, dixo que lembra o levantamento liberal progresista encabezado polo capitán xeral Miguel Solís contra o goberno reaccionario de Narváez, promotor de "recortes de dereitos e liberdades".

As tropas sublevadas contra o réxime foron derrotadas na batalla de Cacheiras, o 23 de abril de 1846.

Sen protección fronte aos eólicos

O Partido Popular tamén tombou unha iniciativa do PsdeG para que o xacemento arqueolóxico de Castro Valente, que comparten os concellos de Padrón e A Estrada, pasase a ser considerado BIC.

Ante a negativa, a deputada Noa Díaz advertiu de que este resto patrimonial “corre serio risco de afectación polas posíbeis obras de construción dun parque eólico”.

Comentarios