A Mariña recupera a loita do ‘Gardarríos’ 74 anos após o seu asasinato

Máis un ano o guerrilleiro antifascista Luis Trigo Chao, alcumado ‘O Gardarríos’, voltou ao presente da man do colectivo Memoria da Mariña en Lourenzá e Mondoñedo.

Homenaxe ao 'Gardarríos' no cemiterio de Lourenzá (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe ao 'Gardarríos' no cemiterio de Lourenzá (Imaxe: Nós Diario)

Mondoñedo e Lourenzá lembraron este sábado a figura do ‘Gardarríos’ e todas aquelas persoas que participaron da resistencia contra a ditadura franquista. A xornada deu comezo pasado o mediodía en Mondoñedo cunha palestra do historiador Carlos Nuevo, que estivo acompañado de veciñas e veciños que ofreceron o seu relato sobre o guerrilleiro.

Precisamente, Nuevo, nunha entrevista concedida a Nós Diario, explica que Luís Trigo fundou a guerrilla “Tchapaief”, da que fora elixido secretario xeral. “Logo, decidiu regresar  aos montes de Abadín e Mondoñedo e, en adiante, por diversos motivos, continuaría coa loita de forma individual, sen pertencer a ningunha das estruturas guerrilleiras existentes”.

Aínda así, destaca o historiador, “continuou mantendo a súa contrastada ideoloxía socialista e sempre estivo disposto a colaborar en calquera causa antifranquista”. Nuevo cre que o ‘Gardarríos’ decidiu non facer parte das estruturas guerrilleiras organizadas “debido ao fracaso do Comité ‘Thapaief’ e, sobre todo, por mor das friccións existentes entre os dirixentes da Federación de Guerrillas da Galiza e León, de maioritaria tendencia socialista, e os do Exército Guerrilleiro de maior adscrición comunista”.

Lourenzá fechou a lembranza co segundo dos actos de homenaxe no seu cemiterio, onde foron soterrados o ‘Gardarríos’ e a súa parella, Antonia Díaz, tras seren asasinados o 25 de xuño de 1948, hai 74 anos.

Biografía

Luís Trigo Chao, nado o 24 de decembro de 1891 en Cabanas, no antigo concello de Riobarba, pasou á historia como o guerrilleiro antifranquista máis recoñecido da comarca da Mariña.

Emigrante en Cuba e na Arxentina, onde tomou parte do movemento obreiro e se vinculou á ideoloxía socialista. Gardarríos de profesión, desenvolveu un importante labor na organización da UXT en Mondoñedo.

“Por mor dos sucesos de outubro de 1934 sería detido e acusado de ter participado nos preparativos da revolución. Finalmente, despois de pasar uns meses no cárcere provincial de Lugo e ser xulgado, xunto con outros compañeiros, por un tribunal militar na Coruña serían absoltos”, expón Nuevo.

O ‘Gardarríos’, “un importante militante e cadro político socialista, que posuía unha fonda formación e  gozaba dunha merecida sona popular”, di Nuevo, pasou á clandestinidade após o golpe de Estado. Agochouse en diversos puntos da Mariña e mantivo acesa a chama da resistencia até que foi asasinado en Lourenzá.

Antonia Díaz Pérez é outro nome chave da loita guerrilleira. Nada o 12 de xuño de 1928 no barrio de Vilela en Cubelas (Ribadeo), sumouse con 18 anos á loita contra a ditadura. A súa familia facía parte da rede de enlaces e colaboradores con que Luís Trigo contaba en Ribadeo. Entre estes atopábase o irmán de Antonia, Raúl, detido polo seu apoio aos fuxidos en diversas ocasións.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios