Carlos Nuevo Cal, historiador e cronista oficial de Viveiro

“Aínda se mantén vivo o mito do Gardarríos como fiel defensor das clases populares”

O vindeiro sábado 25 de xuño Memoria da Mariña organiza un acto en Mondoñedo e Lourenzá para homenaxear ao guerrilleiro Luís Trigo. O cronista oficial de Viveiro e historiador, Carlos Nuevo Cal, un dos relatores no acto achega a Nós Diario a traxectoria militante do “Gardarríos”.

Carlos Nuevo
photo_camera Carlos Nuevo Cal, historiador e cronista oficial de Viveiro. (Foto:Nós Diario).

Como foi a resistencia armada ao franquismo na Mariña?

Sen dúbida, tratouse dunha longa e durísima loita de oposición que abrangueu cronoloxicamente dende xullo de 1936 até 1951, momento no que se entregaron os últimos guerrilleiros de xeito individual. A resistencia comezara inmediatamente despois da toma das principais vilas da Mariña polas tropas golpistas. Axiña, foron constituíndose os primeiros núcleos armados nos montes e a partir da primavera de 1937 comezaron a agromar pequenas partidas coa finalidade de sobrevivir ou tratar de fuxir cara Asturias. En 1938, os resistentes de Ortegal e dos montes da Terra de Viveiro fundaron o comité guerrilleiro “Tchapaief”, que está considerado como a primeira das guerrillas organizadas na Galiza. Logo, moitos destes loitadores integraríanse na Federación de Guerrillas da Galiza e León e relacionaríanse a través de Unión Nacional co comité provincial do Partido Comunista de Lugo, formando parte da Unidade nº 1 da III Agrupación de guerrillas até finais do ano 1946, momento no que 22 guerrilleiros e enlaces decidiron partir cara Francia a bordo do vapor Santa Teresa. Os motivos da partida estarían relacionados co desengano producido pola non intervención dos aliados despois da vitoria da guerra mundial contra o fascismo.

Porén, na Mariña aínda ficarían diversos membros da III Agrupación que axiña pasaron a engrosar as fileiras do Exército Guerrilleiro da Galiza, baixo a dirección de Gayoso e Seoane. Nestes anos incrementáronse as accións guerrilleiras e a represión exercida sobre as familias dos resistentes, sometidas a duras penas de cárcere, campos de concentración, continuadas multas e todo tipo de arbitrariedades.   

Entre os anos de 1948 e 1949 producíronse múltiples enfrontamentos entre os guerrilleiros e as forzas represivas que darían lugar á morte da maioría dos resistentes. Coa emboscada acontecida, o 30 de outubro de 1949,  na cova da Fraga do Forcón, en Silán (Muras), e a morte destes guerrilleiros pertencentes á IV Agrupación de Guerrillas, daríase case por desartellado o movemento guerrilleiro na Mariña.

Que destacaría do papel de Luís Trigo dentro da mesma?

Antes do remate da guerra, Luís Trigo participou moi activamente en terras viveiresas como fundador da Guerrilla “Tchapaief” (1938), da que fora elixido secretario xeral. Logo, decidiu regresar  aos montes de Abadín e Mondoñedo  e, en adiante, por diversos motivos, continuaría coa loita de xeito individual, sen pertencer a ningunha das estruturas guerrilleiras existentes. Agora ben, malia a esta decisión, continuou mantendo a súa contrastada ideoloxía socialista e sempre estivo disposto a colaborar en calquera causa antifranquista. Sabemos tamén que en determinados golpes económicos ou accións de represalia viuse acompañado dalgúns loitadores socialistas da súa zona de influencia.

Pola nosa banda, consideramos que Gardarríos debeu decidir non formar parte das estruturas guerrilleiras organizadas debido ao fracaso do Comité “Thapaief” e, sobre todo. por mor das friccións existentes entre os dirixentes da Federación de Guerrillas da Galiza e León, de maioritaria tendencia socialista, e os do Exército Guerrilleiro de maior adscrición comunista. Outro motivo importante, á hora de decidirse a non encadrarse en ningunha estrutura guerrilleira debeu de ser o mantemento da súa independencia vital e ideolóxica, así como a convicción de que sempre sería máis doado  para el a supervivencia de xeito individual, debido á ampla rede de enlaces que mantiña e ao gran coñecemento do terreo onde se movía.

“O Gardarríos” nace á vida política antes do golpe fascista de 1936, que significaría da súa actividade como dirixente socialista no período republicano?   

Durante o sexenio republicano, Trigo, foi un importante activista socialista e destacado dirixente co fundador da Agrupación Socialista de Mondoñedo, na que ocupou o cargo de presidente. Ademais, participou no intenso labor municipal republicano como concelleiro dende 1931 a 1934. Tamén, durante estes anos colaborou con diversos artigos políticos, sociais e anticlericais no “Boletín Socialista” mindoniense e no semanario “El Momento”, órgano das agrupacións socialistas da Mariña. A través da prensa escrita amosou a súa posición ideolóxica situándose na esquerda do Partido Socialista e partillando as teses de Largo Caballero sobre a revolución social. Por mor dos sucesos de outubro de 1934 sería detido e acusado de ter participado nos preparativos da revolución. Finalmente, despois de pasar uns meses no cárcere provincial de Lugo e ser xulgado, xunto con outros compañeiros, por un tribunal militar na Coruña serían absoltos.

En resumo, falar do Gardarríos supón recordar un importante militante e cadro político socialista, que posuía unha fonda formación e  gozaba dunha merecida sona popular, xa moito antes de botarse ao monte. 

Que queda da loita do “Gardarríos” na memoria da veciñanza da Mariña?

Na actualidade, aínda se mantén vivo o mito do Gardarríos como un referente da legalidade republicana e fiel defensor das clases populares, fronte a todo o que significou o fascismo e o abafante réxime franquista.  

     

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios