Manolito Ribera, o 'sádico torturador' da BPS de Vigo

A historia do franquismo é a historia da impunidade. Impunidade para facer o mal contra os bos pero, tamén, impunidade para continuar de donos da situación unha vez morto o ditador e no marco dun novo contexto político definido pola constitución de 1978. Manuel Ribera Seguín, Manolito Ribera, para todo o antifranquismo de Vigo é un símbolo disto.

3
photo_camera Información recollida n 'A voz do pobo', órgano de prensa do PCG, no seu número 16, de 25 de outubro de 1971. (Foto:'A voz do pobo').

A conmemoración de 50 aniversario das folgas de Vigo de 1972 trouxo á memoria de hoxe á loita modélica da clase obreira desta cidade, a súa represión a mans do aparello de terror da ditadura e de, esguello, os nomes do terror daqueles número da Brigada Política Social (BPS) que sementaron dor e remataron sendo acollidos cos brazos abertos como probos funcionarios pola democracia de 1978.

A memoria do medo e do combate á democracia nos anos finais do franquismo en Vigo vai asociado, necesariamente, ao núcleo dura da BPS da cidade. Á cabeza, o seu xefe, Waldo López Mazaira, canda el Victorino Nieto Barroso, Joaquín Martinez Carou, Manuel Groba Silva, Manuel Ribera Seguín e, tamén, Manuel Estrada, París, Benitiño, Pardavila, Pastor, Jorge Mosquera ou Villar Mazaira

A procedencia social e a composición xeracional deste grupo era heteroxénea, facendo parte do mesmo persoas que tiñan participado xa no combate á guerrilla, como Victorino Nieto, e outras nacidas na década dos corenta, como Manolo Ribera, mesturándose, ao tempo, xente de formación universitaria, como Martinez Carou, e outras sen estudos, como Pardavila.

A BPS de Vigo

Os xulgados de Vigo resolveran diversas denuncias por tortura contra efectivos da BPS. Se ben na maioría das ocasións as denuncias por malos tratos non foron atendidos nos xulgados, noutros remataron en condena, como lle aconteceu en marzo de 1971 Waldo López Mazaira, Manuel Ribera Seguín, Joaquín Martinez Carou e Jorge Mosquera, por torturar na comisaría da cidade en abril de 1970 a Antonio Brandido, Rogelio Gómez, Luis Estévez,  Juan Carlos Abal, José Luís Alonso e Herminio Lago. 

A lembranza de Manuel Ribera Seguín ficou gravada na memoria dos demócratas de Vigo. Nado en Bande en 1940, cursou o bacharel elemental en Ourense, incorporándose á sección da BPS de Vigo en 1960 tras rematar os estudos, non tardando en converterse nun dos policías con fama de duro até o punto de ser cualificado en  diversas publicacións clandestinas da época como “mozo torturador”.

O manual de torturas de Ribera

Os exemplos do comportamento de Ribera nos interrogatorios pódense seguir nas testemuñas das súas vítimas ou nos informes internos das organizacións antifranquistas, do que é unha mostra a nova recollida no número 20-21 de Nova Galicia, onde tras definilo “como sádico torturador”, dan conta como “apertaba  a canela do detido co seu xeonllo, acompañado isto de golpes no estómago”.

O celo represivo de Manolito Ribera, como era coñecido popularmente en Vigo, excedía o ámbito das súas obrigas como membro dos corpos de seguridade, adoitando denunciar diante dos patróns a militantes das forzas democráticas co obxectivo de conseguir o seu despido, tal como lle aconteceu ao dirixente da UPG Luís Pérez Rivas. Morto o ditador e celebradas as eleccións de 1977, seguiu campando as súas anchas na cidade, facendo parte do núcleo de policías irredutíbeis e gozando de grande predicamento diante dos novos responsábeis políticos.

As vítimas de Manolito Ribera consólanse con que xa está morto. Algúns van máis alá, lembrando os seus últimos anos de bar en bar e de resaca en resaca só, abandonado e sinalado polas rúas viguesas. Hai que conta, que mesmo foi expulsado da policía por prácticas pouco claras. Ao fin marchou, sen responder do feito, obviando dar conta dos seus crimes, en fin, a impunidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios