O exemplo dunha militante nacionalista de base

A loita contra o fascismo de María das Auroras

Unha militante nacionalista máis a facer un memorando de sufrimento, lealdade e dignidade. Outra paxina imperdíbel agochada polo silencio imposto aos derrotados e que debe ser escrita en letras de ouro. A historia, ao fin, daquelas loitadoras anónimas do Partido de Castelao e de Bóveda, que sufriron a enxurrada fascista e que sementaron a Galiza do terror de fanegas de solidariedade e resistencia.

 

María das Auroras
photo_camera María das Auroras. (Foto: Nós Diario)

Chamábase María Concepción Álvarez Álvarez pero para nós será sempre María das Auroras. Nada na Guarda en 1898, traballou de por si no negocio familiar “Funerarias La Fe”, unha funeraria que regalou caixas a quen non podía pagalas en 1936, canda a súa nai, Aurora González, e a súa cuñada María González Zarandón. Muller libre ao longo dunha vida, insubmisa aos estereotipos sociais e rebelde co rol que a sociedade lle tiña asignada, participou desde moi nova na vida cultural, social e política da súa vila.

Actriz naqueles cadros de declamación da Guarda, agrarista, naqueles días que o Baixo Miño se revolvía contra o Ordoñismo e morría en Sobredo, sindicalista, na poderosa Federación Local Obreira de CNT, nos anos finais da Ditadura de Primo de Rivera participará na fundación da Agrupación Republicana da Guarda. Á chegada da II República era xa unha das referencias políticas na súa localidade, encabezando como abandeirada a manifestación do 1º de maio de 1931 na vila, impoñente acto de masas no que tomaron a palabra Xoán Noia, José Darsé, Celso Candeira e Francisco Rodríguez, “Paquiño do Figueiró” secretario do Partido Galeguista de Tomiño asasinado en 1936.

Militante do Partido Galeguista

Formou nas filas do Partido Galeguista na súa localidade. O 18 de marzo de 1936, canda compañeiros como Xoán Noia, Manuel Noia, Brasilino Álvarez ou Nemesio Álvarez e compañeiras coma Lola Domínguez Pacheco ou  Esmeralda Domínguez Baz, participou na fundación da sección local nacionalista, unha agrupación con grande peso da militancia de práctica sindical que sufriu de xeito moi especial a represión franquista.

Os anos republicanos foron un sen vivir de ilusións, compromisos e loitas para María. Dirixente do Ateneo de Divulgación Social, entidade cultural promovida pola CNT e presidida polo nacionalista Eduardo Pantaleón Saul, impulsou e exerceu como mestra de primeiras letras para moitas nenas da localidade. Grande lectora, recoñecíana na vila por posuír unha grande cultura autodidacta, organizou unha biblioteca circular ambulante que levou libros e cultura a moitos fogares da Guarda, actuando ela mesma como mediadora daquelas obras que podían ser de máis interese.

Ao pouco da toma da localidade polos franquistas, o 27 de Xullo de 1936, os libros desta biblioteca foron queimados nun acto público celebrado na actual praza da Constitución na que estiveron presentes militares, falanxistas así como veciñas cuxa presenza foi obrigatoria.

A represión franquista

Cando comezou a enxurrada fascista non deu escapado á represión aínda que salvou a vida. Detida durante varios días, obrigada a tomar racións de aceite de rícino, rapada  ao cero nun acto celebrado na praza do Reloxo, obrigada a non cubrise co fin de humillala, remataron por desterrala durante uns meses a Salvaterra do Miño, ao tempo que os seus  compañeiros de militancia foron asasinadas.

Unha vez na Guarda, canda a súa nai e a súa cuñada, abriu a súa casa a outras vítimas da represión fascista, acollendo nela a aquelas que ficaran sen protección algunha. Así, na súa vivenda pasou a residir Manuela Baz Domínguez, viúva do militante do Partido Galeguista e dirixente da CNT Antonio Domínguez Pacheco, e o fillo de ambos Antonio Amado Domínguez Baz.

Xosefina García Segret, mestra nacionalista de Tomiño, compañeiro do mártir Hipolito Gallego Camarero e condenada a morte, despois de rematar a súa peregrinaxe de seis anos polos cárceres do Estado, atopou na casa de María  o refuxio e o fogar que lle faltaba e tamén os coidados para unha saúde delicada como consecuencia das condicións do cativerio.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios