Manuel Noia Xil, o martirio dun militante galego de clase

Simboliza o compromiso galego de clase daquela xeración heroica que vinculou nunha única loita a liberación do país e dos traballadores. Facedor de sociedades agrarias e sindicais, organizador de partidos e agrupacións políticas, dirixente de loitas e conflitos operarios, activista sen tregua a prol do Estatuto ou alcalde da Guarda, non lle quedaba outra que morrer a mans dos fascistas. A vida e a loita de Manuel Noia Xil adiantou o camiño que os nacionalistas andarían trinta anos despois.

[Imaxe: Cedida] Manuel Noia
photo_camera [Imaxe: Cedida] Manuel Noia

O compromiso social de Manuel Noia está vinculado á organización e posta en marcha do movemento agrario e operario no Concello da Guarda. Á volta de 1918, e con motivo dunha folga na vila para facer efectiva a xornada laboral de oito horas que viña de aprobar o Goberno, canda o seu irmán Xoán, funda a Sociedade Obreira da Guarda, tomando parte da elaboración dos seus estatutos, incorporándose á súa dirección e actuando de contacto co libertario Xosé Vilaverde, no momento residente en Vigo, que actuaba como asesor daquel nacente sindicato.

Segundo lembra Xoán Noia nas súas memorias, o seu irmán, naqueles momentos heroicos do sindicalismo na Guarda, axudou a cruzar a fronteira clandestinamente a destacados dirixentes do obreirismo internacional, dándolle continuidade a este compromiso até o final dos seus días, sendo detido en 1933 e 1934 como dirixente da Federación Local Obreira da Guarda, integrada na CNT, continuación da vella Sociedade, e da que viña a ser no período republicano a grande referencia no Baixo Miño. Non menos importancia merece a súa actuación no movemento antiforal e nas xornadas de protesta que vive o Baixo Miño após os sucesos de Sobredo en 1922, que rematan coa súa entrada no cárcere, da que sairá xunto o resto dos detidos, tras unha forte resposta social e mesmo institucional.

Os inicios na política

As orixes da súa participación na loita política remóntanse a 1923, cando con outros agrarios do partido xudicial de Tui decide promover a candidatura de Portela Valadares fronte a Mariano Órdoñez, deputado case perpetuo do distrito. Á altura de 1930, participa na fundación da Agrupación Republicana da Guarda, tomando parte de diversos actos de propaganda antimonárquica e democrática antes do 14 de abril, afiliándose ao Partido Galeguista en xaneiro de 1936, unha vez que a referida agrupación acorda integrarse no mesmo, tras anos de colaboración cos nacionalistas, pedindo o voto para os seus candidatos desde as eleccións de 1931.

Nomeado alcalde en marzo de 1936, manterase como tal até o 15 de xuño de 1936. A súa acción de goberno destacou polo apoio á campaña do Estatuto, acudindo el mesmo en representación do Concello da Guarda á asemblea do 16 de maio de 1936 pola defensa das condicións de vida da clase traballadora, obrigando o empresariado a que respectase a lexislación laboral que sistematicamente incumpría, ou da mellora dos servizos básicos daqueles núcleos onde residían as clases populares.

A resistencia

Unha vez recibidas as primeiras noticias do golpe militar, canda os seus camaradas da dirección da Federación Local Obreira da Guarda, os máis deles militantes do Partido Galeguista, ponse á fronte da resistencia na localidade. Coordina a resposta aos fascistas cos compañeiros doutras localidades do Baixo Miño, participa na requisa de armas e na adopción das medidas de seguridade, colabora na organización da columna de veciños da Guarda que acoden a Vigo e mantén cos máis a vila na democracia até a súa toma pola reacción o 27 de xullo.

A trepia formada polo Goberno local da Fronte Popular, os afiliados do Partido Galeguista e a potente estrutura da Federación Local Obreira, auténtica columna vertebral da democracia, posibilitaron unha resistencia tan longa aos fascistas. Como afirmaba a organización sindical nunha folla voandeira espallada, unha vez tiveron coñecemento do alzamento fascista: “Traballadores todos, o Comité da Federación Obreira de acordo coas autoridades decreta desde este momento a Folga Xeral para opoñerse ao intento criminal do fascismo sanguinario. Desde este momento paralizade todos os traballos e acudide inmediatamente á Federación Obreira para recibir instrución. ¡Traballadores!, ¡Homes libres!, ¡Todos en pé contra o fascismo asasino! ¡Hai que esmagalos sen piedade! A cumprir co voso deber loitando pola república. ¡Viva a República!

O 27 de xullo de 1936, unha vez tomada A Guarda polos fascistas, Manuel Noia é un dos militantes que decide pasar á clandestinidade. Agochado nunha casa da súa vila, é delatado por varios veciños, entre eles o cura Manuel Álvarez, conducido á casa do Concello, para que se despida da nai, as fillas e a compañeira. Trasládano á Tui, onde é posto a disposición do Comandante Militar, Eduardo Rodríguez, que ao pouco llo entrega a un grupo de falanxistas. A partida de falanxistas, en palabras do seu irmán Xoán Noia, estaba dirixida por Xosé María Salgado Méndez e formaban parte dela, entre outros, Miguel Saéz, Severo Sobrino e Anselmo Fernández. Na mañá do 24 de agosto condúceno primeiro á Guarda para facer un rexistro e despois a Oia, onde tentaban capturar un grupo de fuxidos, do que facía parte Alonso Ríos ou Guillerme Vicente. Fracasado no seu intento, comezan a torturalo brutalmente, até que deciden asasinalo nunha praia de Oia. Os seus asasinos celebrarían o crime cun xantar nun hotel da Guarda, aparecendo o seu corpo o 25 de agosto de 1936.

Comentarios