mércores 12/08/20

A loita contra a ditadura continúa

Un dos mantras que se empregaban na transición española para tranquilizar as conciencias das persoas máis timoratas era que "non é posíbel un franquismo sen Franco". Porén, 45 anos após morrer o ditador, na Galiza ten que nacer unha plataforma que busca eliminar, por fin, todos os restos da memoria legada polo propio réxime.
De esquerda a dereita: Elvira Souto, Manuel Villares , Nicanor Acosta, Manuel Monge, Xán María Castro e Lucía Veciño .(Foto: Nós Diario).
De esquerda a dereita: Elvira Souto, Manuel Villares , Nicanor Acosta, Manuel Monge, Xán María Castro e Lucía Veciño .(Foto: Nós Diario).

"Fóra Fraga, e fóra tamén todos  os restos do franquismo que quedan". Este é o postulado de base sobre o que nace a plataforma Franquismo Fóra de Galiza, que esixe tanto a retirada dos recoñecementos e as honras que aínda conserva o ex presidente da Xunta e Ministro con Franco, Manuel Fraga Iribarne, como as do resto de militares, políticos e persoeiros relacionados coa ditadura.

Así o anunciaron Elvira Souto, Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge -do colectivo de presas e presos de Galiza na ditadura-; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; e Xoán María Castro, da Fundación 10 de Marzo, nun acto desenvolvido durante a xornada de onte na libraría Couceiro de Compostela.

As voceiras de Franquismo Fóra de Galiza adiantaron durante a súa  comparecencia as súas liñas de actuación de cara o futuro, nas que incidiron, posteriormente, nunha reunión aberta celebrada na Nave de Vidán.

Desde a nova plataforma explicaron a Nós Diario que Franquismo Fóra da Galiza é un "proxecto común" desenvolvido co obxectivo de ensanchar a súa base de apoios, e recoñeceron estar "moi satisfeitos" coa resposta cidadá".

"Baixo esta nova denominación inclúese agora un amplo colectivo de 62 importantes historiadores" e 57 entidades culturais, veciñais e memorialísticas de moita importancia, e que están esparexidas por todo o país, pois hai representación de localidades como Lugo, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Ourense, A Estrada, Betanzos ou Terra de Montes, entre outras", apuntan.

Entre esas 57 asociacións destacan algunhas da relevancia da Alexandre Bóveda, Irmáns Suárez Picallo, Moncho Reboiras, o sindicato CIG, Artabria, O Galo, Iniciativa Galega pola Memoria, O Facho, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Instituto de Estudos Miñoráns ou o Ateneo de Moaña.

A "responsabilidade" das institucións públicas

Franquismo Fóra da Galiza anunciou que o seu primeiro movemento será "dirixirse a todos os Concellos que aínda teñen a Fraga con distincións honoríficas para pedirlles que tomen medidas para levar aos plenos, tanto dos propios municipios como das deputacións provinciais, a retirada deses recoñecementos, porque non son poucos".

"Trátase dunha cuestión de hixiene democrática", sinala Manuel Monge, preso político na ditadura e membro do colectivo, para quen "ningún ministro de Franco debería seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal".

Para el, existe unha "biografía secuestrada e oculta" de Manuel Fraga, na que se reflicten "maís de 35 anos de militancia franquista e fascista". "Foi negacionista do holocausto xudeu, e un dos máximos secuaces da camarilla de Franco, protagonizando actuacións que propiciaron a falta de liberdades e a persecución de disidentes", dixo Monge citando ao poeta Caballero Bonald.

Ademais, Franquismo Fóra de Galiza acusou ao  "actual Partido Popular", fundado co nome de Alianza Popular polo propio Fraga Iribarne, de "deixar claras coas súas actuacións cales son as súas raíces".

"Non nos sorprende que, na actualidade, políticos de dereita e ultradereita asuman comportamentos relacionados coa exaltación do franquismo, só hai que lembrar os berros de "Franco! Franco!" no primeiro congreso de Alianza Popular".

Non obstante, o ex presidente da Xunta é só "a punta do iceberg", segundo afirmou Nicanor Acosta, para quen "existen centos de restos de simboloxía fascista por todos os recunchos de Galiza".

Xan María Castro, da Fundación 10 de marzo, incidiu nesa liña, facendo fincapé nas "tendencias retrógradas" que considera que existen na democracia española en pleno ano 2020, polo que resulta inescusábel "restabelecer a calidade democrática, limpando o territorio de residuos ditatoriais".

Para iso, ofrécense a colaborar "con todos os concellos que queiran abordar este tema da eliminación da simboloxía franquista en forma de palestras, debates... porque o que queremos difundir esa idea e esparexela por todo o país".

Entre eses restos do franquismo presentes en numerosas localidades do país, desde Franquismo Fóra de Galiza destacan algúns casos "especialmente graves", como o do Arsenal de Ferrol: "En 1981 foron retiradas todas as rúas dedicadas aos golpistas, pero o que fixo defensa foi bautizar cos seus nomes as do Arsenal Militar, o que supón unha falta de respecto á vontade democrática de Ferrol".

comentarios