A IV Marcha pola Devolución da Casa Cornide sairá o próximo sábado da coruñesa praza de María Pita

A marcha, que se iniciará ás 12 horas, exixe a toma de medidas para que a Casa Cornide pase a titularidade municipal.
Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña).
photo_camera Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña).

O próximo sábado 11 de novembro sairá da coruñesa praza de María Pita a IV Marcha pola devolución da Casa Cornide, pendente de ser traspasada ao Concello da Coruña despois de que o 12 de setembro de 2019 o pleno municipal aprobara unha moción por unanimidade solicitando que o ben fose incorporado ao patrimonio da cidade.

Esta iniciativa (apoiada por Defensa do Común, Asociacións Veciñais: Agra Orzán, Gaiteira-Os Castros, IAR-Castrillón, Monte Alto, Cidade Vella, San Cristobal das Viñas-Birloque, Eirís; A.C. Alexandre Bóveda, O Facho, Amigos dos Museos de Galicia, Proxecto Cárcere, C.S. Gomes Gaioso, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Plataforma en Defensa da ría de Sada-Betanzos, Acampa, Vangarda Obreira, Forum Propolis, Galiza Nova, Erguer, BNG, Podemos e Unión Republicana) tamén solicita que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, algo polo que se leva agardando 50 meses.

A Xunta da Galiza iniciou o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) en maio, mais despois de sete meses segue fechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha, sinalan os convocantes: “Estamos decididos a convocar a III, a IV Marcha Cívica, e as que sexan necesarias até pór fin a este espolio”.

“A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Francisco Franco (ditador do Estado español na altura), e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada”, explican.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque.

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría, que sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959, tramita a venda e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que decorre un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo.

“Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa”, denuncian os convocantes da Marcha.

Ademais, exixen ao Concello da Coruña que “inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica, a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día” e que “se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retiradade rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática”. Por outra parte, tamén piden que “se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios