Os Franco deberán abrir a Casa Cornide polo menos catro días ao mes

O inmóbel vén de ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
A Casa Cornide (A Coruña) foi espoliada a favor de Franco e a día de hoxe segue en mans da súa familia (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera A Casa Cornide (A Coruña) foi espoliada a favor de Franco e a día de hoxe segue en mans da súa familia (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Goberno galego aprobou esta quinta feira o Decreto de declaración como Ben De Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide, na Coruña, en mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco e da súa esposa, un inmóbel que o tecido asociativo memorialista e o activismo democrático pide, de vello, que sexa devolto ao pobo galego.

Seguindo o recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC), o Concello da Coruña avanzou que iniciará "de inmediato” accións xudiciais para recuperar para o patrimonio público da Coruña a Casa Cornide, antiga sede do Concello usurpada polos Franco durante a ditadura.

Os herdeiros do ditador deberán agora abrir a Casa Cornide ao público polo menos catro días ao mes definidos con antelación e, polo menos, durante catro horas ao día.

Este paso supón o recoñecemento do valor cultural e a protección e salvagarda deste edificio que, como se extrae dos informes, reúne valores históricos e arquitectónicos. Coa aprobación do Decreto, do que informou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, após a reunión semanal do seu Executivo, culmínase o proceso iniciado en maio de 2021, tras a insistencia dos activistas democráticos e da solicitude do Concello da Coruña.

Entón incoouse este procedemento despois de solicitar a opinión de diversos órganos asesores e consultivos: o Consello da Cultura Galega, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes. Todos eles mostráronse favorábeis ao recoñecemento do valor cultural singular da Casa Cornide.

Protección integral

A declaración BIC aprobada supón a protección integral de todo o edificio. O decreto considera este inmóbel como un monumento que sobresae arquitectónicamente pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar definido pola robustez do seu aspecto pétreo, os seus elementos barrocos propios e o seu carácter cosmopolita da arquitectura da primeira Ilustración.

A Casa Cornide é un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, sen apenas precedentes en Galicia no que viviu José Cornide en varios períodos, como herdeiro da propiedade, ata a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia.

Desde entón, ao longo de 250 anos de historia, pasou por sucesivos propietarios até que o ditador Francisco Franco e a súa esposa, Carmen Polo, artellaron un plan para facerse cun inmóbel de titularidade pública, unha artimaña que contou coa participación de Pedro Barrié de la Maza.

Cumprimento da Lei

Esta declaración permite recoñecer o valor cultural, protexer un patrimonio especial e garantir o seu legado aos galegos do futuro, segundo destaca a Xunta. Tamén supón a aplicación do réxime de protección previsto na Lei de patrimonio cultural da Galiza que implica a súa protección e tutela coa intención de garantir os valores que aconsellan a súa conservación.

Como fixa a lei, esta declaración tamén implica que os propietarios permitan a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día. Preguntado respecto de se se tomarán medidas se os propietarios poñen trabas, Rueda respondeu que a "obrigación" da Xunta é "velar porque se cumpra a lei".

A Xunta deberá velar tamén, tendo en conta o Decreto aprobado esta quinta feira, que a familia Franco non vendao inmóbel situado na Cidade Vella da Coruña, após intentalo xa en varias ocasións. 

Comentarios