A Casa Cornide xa é BIC: os Franco deberán abrila ao público

A declaración do edificio como ben de interese cultural, recollida no DOG desta sexta feira, obriga os herdeiros do ditador, posuidores do inmóbel, a abrilo, cando menos, catro días ao mes durante catro horas por día.
Protesta en decembro para pedir a devolución da Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Protesta en decembro de 2021 para pedir a devolución da Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta sexta feira a declaración como Ben de Interese Cultural da Casa Cornide, na Coruña, despois de que o Goberno galego aprobase o decreto correspondente. Agora a familia Franco, propietaria dun inmóbel que o consistorio coruñés busca recuperar pola vía xudicial, deberán abrila ao público cando menos catro días ao mes, definidos con antelación e, no mínimo, durante catro horas ao día.

Nesta resolución que recolle hoxe o DOG ordénase proceder á inscrición do recinto no Rexistro de bens de interese cultural e comunicalo tamén á Administración estatal para a súa correspondente anotación. Aliás, recolle a aplicación do réxime de protección que estabelece a Lei de patrimonio cultural da Galiza de 2016 e lembra a obriga do Concello de acordar as determinacións específicas para a súa protección e conservación.

Esta resolución será notificada ás partes interesadas con posibilidade de interpor un recurso de reposición no prazo dun mes, desde o día seguinte á publicación, ante o órgano que o ditou, ou ben avogar pola presentación dun recurso contencioso-administrativo contra a mesma.

Protección integral

A declaración BIC aprobada supón a protección integral de todo o edificio. O decreto considera este inmóbel como un monumento que sobresae arquitectonicamente pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar definido pola robustez do seu aspecto pétreo, os seus elementos barrocos propios e o seu carácter cosmopolita da arquitectura da primeira Ilustración.

A Casa Cornide é un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, sen apenas precedentes na Galiza no que viviu José Cornide en varios períodos, como herdeiro da propiedade, ata a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia.

Desde entón, ao longo de 250 anos de historia, pasou por sucesivos propietarios até que o ditador Francisco Franco e a súa esposa, Carmen Polo, artellaron un plan para facerse cun inmóbel de titularidade pública, unha artimaña que contou coa participación de Pedro Barrié de la Maza.

Comentarios