A familia de Moncho Reboiras busca xustiza 48 anos despois querelándose contra os policías que o asasinaron

Manuel, o irmán do histórico dirixente nacionalista, presentará esta sexta feira unha querela criminal perante os Xulgados de Ferrol contra 26 axentes da Policía franquista aos que lles imputa o delito de asasinato en concurso con crime de lesa humanidade.
Fotografía de Reboiras sobre a que se construíuo cartel do filme. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fotografías de Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

O 12 de agosto de 1975 a Policía franquista asasinaba Xosé Ramón Reboiras —'Pepe' para a familia, 'Moncho' ou 'Rianxo' na militancia clandestina— con tres disparos nas costas. Desde entón o que tornou nun dos grandes mártires da causa nacionalista galega recibiu numerosos recoñecementos e homenaxes póstumas; porén, os seus executores nunca foron xulgados. E agora, cando vai camiño de facer 48 anos aquel tráxico suceso, facer xustiza é, precisamente, o obxectivo da súa familia.

Esta sexta feira, día 17 —ás 12 horas—, o irmán de Moncho Reboiras, Manuel, interporá perante os Xulgados de Instrución de Ferrol unha querela criminal contra 26 membros das forzas e corpos de seguridade do Estado —Policía Armada e Brigada Político-Social— que participaron, entre o 11 e o 12 de agosto daquel ano, do operativo policial que rematou co asasinato do histórico dirixente da UPG. Impútaselles un delito de asasinato en concurso con crime de lesa humanidade.

A querela, súmase ás máis de 80 presentadas no conxunto do Estado español da man de Ceaqua, a Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina, "por persoas que, no exercicio do seu dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición, demandan que se investiguen e axuícen os crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista", salientan desde a entidade.

Nunha entrevista concedida a Nós Diario en 2021, co gallo do 46º aniversario da morte de Reboiras, Manuel explicaba como lle comunicaron á familia o sucedido: "Sobre as 11 da mañá avísanme para que vaia axiña a casa e dinme que miña nai agardaba por min e que algo grave pasara. Meu pai estaba embarcado e tardaría algún tempo en recibir a noticia. Aviso o meu contacto da UPG para que dese a alerta de que algo acontecera. Viaxamos de Vigo a Ferrol, conduzo eu, imos pendentes da radio. No parte das 12 falan dun enfrontamento armado nas rúas de Ferrol e a morte dun mozo. Ao chegar, lévannos ao cemiterio e enriba dunha fría mesa de pedra, vemos o corpo de Pepe [Moncho] con tres impactos de bala nas costas".

O propio Manuel sufriu tamén nas súas propias carnes a represión franquista. Así o relataba: "Comezaron cos interrogatorios e ameazas. Os gardas civís mallaron en min até ben entrada a noitiña, cando me trasladan á central da Coruña, onde me encerran nun calabozo porcallento e continúan coas vexacións. Estaban a escoitar pola radio a noticia dos fusilamentos de Humberto Baena, Sánchez Bravo e os seus compañeiros e berraban: 'A estes fillos de puta, había que matalos'. En xuño de 1976, no Castro, en Vigo, detéñenme con Elvira Souto, que facía pouco que retornara do exilio portugués. Aplícannos lei antiterrorista e paso cinco días na comisaría con interrogatorios pola noite para evitar que durmise. Xogaban coa pistola xunto á miña cabeza facendo que disparaban".

A historia de Moncho Reboiras pasou á gran pantalla da man de Alberte Mera, que en 2020 presentou o filme Reboiras. Acción e corazón. "Superou as miñas expectativas. Ten un dinamismo sorprendente, e iso ten mérito", afirmaba a este xornal o irmán, celebrando a transcendencia desta peza audiovisual "alén dos simpatizantes da causa".

E o pasado agosto o seu concello natal, Dodro, saldou unha débeda histórica cun dos seus fillos predilectos, pois o Goberno local, a proposta do BNG, acordou pór o seu nome a unha rúa en Imo, o lugar do que era orixinario.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios