Presentación esta cuarta feira en Ourense

Historia da Oseira rebelde

Un dos máis terríbeis e significativos episodios da Restauración en Galiza saldouse con sete persoas asasinadas polas forzas de seguridade do Estado. Foi o 22 de abril de 1909, ás portas do mosteiro de Oseira, no Concello de Cea. É un dos capítulos do monográfico A rebeldía galega contra a inxustiza, editado por Sermos Galiza, e que esta cuarta feira se presenta no café cultural Auriense, de Ourense ás oito do serán.
 

Tenente Salinas 2
photo_camera O tenente Salinas, que dirixiu a represión en Oseira.

“As mortes de Oseira son consecuencia dun conflito que enfrontaba os veciños da localidade do movemento Solidariedade Galega coas autoridades civís e relixiosas”, explica Xosé Ramón Ermida, autor do ensaio sobre os sucesos e coordinador do volume, “e abriron paso a todo un movemento de protesta no conxunto de Galiza, a cuxa cabeza se situou Ourense”. Eduardo Blanco Amor utilzounos de materia narrativa na súa gran novela Xente ao lonxe (1972).

Ermida será un dos participantes no acto de Ourense. Canda el, estarán o ex deputado do BNG no Congreso e coautor na Rebeldía galega... Francisco Rodríguez, o avogado e membro do consello de administración de Sermos Nemesio Barxa e mais Xosé Manuel Puga, da agrupación cultural Auriense. Esta última sinala que “a publicación realiza un percorrido por diferentes episodios das protestas desenvoltas na Galiza da primeira Restauración”.

A monografía abranxe numerosos capítulos históricos que remataron von mortes. Salcedo, Nebra, Trasancos, Sofán, Sobredo e Oseira son, concretamente, as revoltas tratadas en A rebeldía galega contra a inxustiza.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios