A Galiza continúa a arrecender a cravo 49 anos após o 25 de Abril

Diversos actos conmemoran hoxe o 25 de abril de 1974 portugués.
Canto do 'Grândola' en Compostela en 2022, polos 50 anos da interpretación do tema na cidade. (Foto: AJA)
photo_camera Canto do 'Grândola' en Compostela en 2022, polos 50 anos da interpretación do tema na cidade. (Foto: AJA)

Na Galiza a Revolución dos Cravos sentiuse cunha intensidade especial, como dan conta os testemuños da época. Aquel 25 de abril de 1974 de Portugal representou tamén un sopro de ar e un xute de esperanza para moitos galegos e galegas, nomeadamente aqueles que militaban contra o franquismo. "O Portugal de abril significou para nós unha fronteira franca, un lugar onde pór os pés sen ser perseguidas", sinalaba a cineasta e académica Margarita Ledo a Nós Diario en 2022, ao lembrar como chegou a Porto en setembro de 1974 a consecuencia da súa participación nun operativo propagandístico do Día da Patria Galega polo que se viu obrigada a pasar á clandestinidade.  

49 anos despois, o arrecendo dos cravos segue vivo na Galiza cada 25 de abril da man de diferentes iniciativas. De Compostela a Vigo, de Ferrol á Estrada ou de Betanzos a Rianxo, música, palestras ou cinema volverán conmemorar a data na que Rádio Renascença retransmitiu Grândola, Vila Morena, dando así o sinal para o Movimento das Forças Armadas (MFA) ocupar puntos estratéxicos do país. Un tema, o Grândola, que o seu autor José 'Zeca' Afonso interpretou por vez primeira na Galiza, en Compostela, 10 de maio de 1972

"Entre a Galiza e Portugal é sempre 25 de abril"

Como cada ano, a Associaçom José Afonso (AJA-Galiza) organiza unha serie de actividades co gallo do 25 de abril. Desta volta baixo o lema Entre a Galiza e Portugal é sempre 25 de abril. Alba María e Queco Díaz ofrecerán hoxe —19 horas, praza de Cervantes de Compostela—, un concerto con repertorio propio e de José Afonso. Tamén tocará o dúo integrado por Aldara (violín) e Manu (guitarra), alumnos do Conservatorio de Música de Santiago, que se unen ao labor de formación e divulgación que impulsa a AJA-Galiza, e o acto fechará co canto colectivo do Grândola e cos caraveis en alto.

Mañá, día 26, e organizado por AJA e Erguer, a Facultade de Ciencias Políticas da USC, acollerá un relatorio a cargo de José M. Lopes Cordeiro, profesor da Universidade do Minho, e Jaime Torres, membro de Canto d'Aquí, titulado 25 de abril de 1974, Golpe de Estado ou Revolución. Xa a sexta feira, día 28, a Gentalha do Pichel, tamén en Compostela, acollerá o concerto de Zeca e Eliseu Matos. E até o vindeiro 31 de maio ficará aberta ao público a exposición Os cartazes do 25 de abril, tanto no IES nº1 da Estrada como no Instituto Camões de Vigo.

O Canto

Tres localidades acollerán hoxe concentracións que convidan a veciñanza a participar para cantar o Grândola: En Ferrol, a partir das 19 horas e na praciña do 25 de abril, convocados pola asociación sociocultural Muíño do Vento. En Rianxo, ás 20 horas no Cuartel Vello, nun canto organizado por Barahúnda e Orjais coa colaboración do Concello. E en Vigo, convocada pola asociación A Madriña, ás 20 horas no Marco. En Betanzos, pola súa parte, a asociación Lar de Unta proxecta hoxe o concerto ao vivo de Zeca Afonso no Coliseu.

Odilo González, presidente de AJA-Galiza, apunta a Nós Diario a importancia de seguir en 2023 "a reivindicar a vixencia dos valores do 25 de abril", que exemplifica nos "compromisos de Zeca Afonso" co "antifascismo, o anticolonialismo ou o antirracismo" e que "a día de hoxe seguen a ser necesarios".

Premio aRi[t]mar a AJA

Precisamente esta segunda feira coñeceuse que a Associação José Afonso recibe o Premio Especial de aRi[t]mar por construír pontes de amizade e colaboración entre a Galiza e Portugal. A asociación, sinalaron, "mantén vivo o legado da persoa e da obra do grande cantor e poeta José Afonso, quen sempre destacou as súas ligazóns, e as do pobo portugués, coa Galiza".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios