Fundación Franco e familia do ditador recorren o arquivo da causa contra os 19 de Meirás

Presentaron recurso perante a Audiencia Provincial da Coruña.

19 de meirás
photo_camera Imaxe de arquivo dun acto ds '19 de Meirás'.

A Fundación Francisco Franco e a familia do ditador non queren que os activistas coñecidos como  19 de Meirás’ fiquen sen o que eles consideran un castigo. Por iso, e segundo puido saber Nós Diario, veñen de confirmar no Xulgado de Betanzos a presentación dun recurso perante a Audiencia Provincial da Coruña contra o auto de arquivo da causa dos 19 de Meirás que ditou hai uns días o xulgado betanceiro.

O Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos sobreseeu a inicios deste mes de forma provisional a causa aberta contra os 19 de Meirás, o colectivo de activistas pola memoria histórica que ocuparon o pazo de maneira simbólica o 30 de agosto de 2017 para denunciar o "espolio" acometido polo franquismo e exixir a devolución de todo o patrimonio roubado ao pobo galego.

A Xustiza paralizaba así o procedemento aberto a raíz da denuncia presentada pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador.

Con todo, precisaba que o auto de sobresemento e o arquivo da causa non era firme, pois cabe recurso por parte dos herdeiros de Franco ante a Audiencia da Coruña. E ese é o paso que vén de dar a familia do ditador español. 

O Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos sobreseeu a inicios deste mes de forma provisional a causa aberta contra os 19 de Meirás, o colectivo de activistas pola memoria histórica que ocuparon o pazo de maneira simbólica o 30 de agosto de 2017

Para o colectivo de activistas, o sobresemento e arquivo da causa aberta contra el, o auto provisional do xulgado é "vitoria". As e os 19 de Meirás amosábanse "enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo de Meirás para denunciar o espolio perpetrado polo franquismo e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego" explicaba daquela Anxo Louzao, voceiro das e dos 19 de Meirás.

30 de agosto de 2017, unha das torres do Pazo de Meirás e a balconada lucían dúas grandes faixas con bandeiras da Patria Galega e lemas en prol da devolución do singular edificio ao pobo. “Franquismo nunca máis” pronunciaban aquelas persoas que levaron hai dous anos as esixencias de dignidade e memoria histórica galegas á residencia de verán do ditador Francisco Franco e que a día de hoxe segue a desfrutar a súa familia.

Un grupo de persoas accedía aquel día ao interior do pazo para levar adiante unha ocupación simbólica do mesmo e reclamar que se devolvese ao pobo “para pór fin a oitenta anos desta ignominia”, segundo explicaba desde o interior Néstor Rego, membro da Executiva Nacional do BNG e que despois exercería como portavoz dos 19 de Meirás, o colectivo de persoas denunciadas pola familia do ditador.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios