A Xustiza arquiva a causa contra 'os 19 de Meirás' que ocuparon o pazo en 2017

O xulgado proclama o sobresemento e arquivo da causa contra o colectivo de activistas que ocuparon o conxunto histórico de forma simbólica. A resolución é provisional e pode ser recorrida polos Franco ante a Audiencia.
pazo meirás 19
photo_camera Ocupación simbólica do Pazo de Meirás en agosto de 2017.

O Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos vén de sobreser de forma provisional  a causa aberta contra os 19 de Meirás, o colectivo de activistas pola memoria histórica que ocuparon o pazo de maneira simbólica o 30 de agosto de 2017 para denunciar o "espolio" acometido polo franquismo e exixir a devolución de todo o patrimonio roubado ao pobo galego.

Estamos enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 para denunciar o espolio e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego

A Xustiza paraliza así o procedemento aberto a raíz da denuncia presentada pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador. Con todo, precisa que o auto de sobresemento e o arquivo da causa non é firme, pois cabe recurso por parte dos herdeiros de Franco ante a Audiencia da Coruña.

Orgullosos

Para o colectivo de activistas, o sobresemento e arquivo da causa aberta contra el, o auto provisional do xulgado é "vitoria". As e os 19 de Meirás amósanse "enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo de Meirás para denunciar o espolio perpetrado polo franquismo e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego" explica Anxo Louzao, voceiro das e dos 19 de Meirás.

O pazo debe ser transferido á Administración galega e  honrar a memoria democrática do pobo galego

"Aquela mañá de agosto un grupo de galegas e galegos, nacionalistas e demócratas, realizamos esta acción porque entendíamos que as institucións públicas tiñan que actuar para pór fin a máis de 80 anos de ignominia", sinalou Louzao. "A día de hoxe fica absolutamente demostrado que o pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura sigan a desfrutar dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos", incidiu.

Memoria democrática

Neste sentido, desde o colectivo reivindican que, unha vez que conclúa o proceso xudicial, o pazo sexa transferido á Administración galega e "que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego".

Con todo, os e as 19 de Meirás salientan que "é innúmero o patrimonio que foi espoliado ao noso pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto". Ao respecto, ademais de Meirás, Louzao apuntou a espoliación doutros bens como a Casa Cornide ou as esculturas do Pórtico da Gloria.

A primeiros de decembro de 2020 o Pazo de Meirás pasou a mans públicas oficialmente, tras a execución da sentenza que determinou que a posesión do conxunto patrimonial pertence ao Estado e non aos Franco.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios