mércores 26/01/22

O fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1936 reclama “medidas exemplares” co de Baralla

Ten 93 anos e encabeza a querela arxentina contra a impunidade do franquismo. Darío Rivas dirixiulle unha carta ao presidente da Deputación de Lugo reclamando xustiza coas vítimas do franquismo e “medidas exemplares” contra o alcalde de Baralla que xustificou a represión. 

Darío Rivas
Darío Rivas

“Fai dous meses e con 93 anos a costas volvín cruzar o Atlántico”. Así comeza a carta que Darío Rivas, fillo do alcalde represaliado de Castro de Rei, Severino Rivas Barja, lle dirixe ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, esixindo xustiza coas vítimas da represión e unha resposta contundente ao episodio protagonizado polo alcalde de Baralla 

A carta é unha das moreas de iniciativas que Darío Rivas leva promovendo ao longo da súa vida. Como obxectivo marcouse reclamar a xustiza para os represaliados e represaliadas despois do golpe militar de 1936. Un deles foi seu pai, o alcalde de Castro de Rei, Severino Rivas Bajar, asasinado o 29 de outubro de 1936 na Estrada de Portomarín. Daquela Darío Rivas, apenas un mozo, vivía en Bos Aires, onde tiña emigrado con só 9 anos, catro despois da morte da súa nai. Na capital arxentina, onde agora continúa a reclamar xustiza, recibiu “a peor noticia posíbel”, como el a define, unha carta que o informaba do asasinato de seu pai. Darío Rivas, con só 16 anos, perdía a seu pai moi lonxe, no país do que marchara, acusado de “traizón á patria e portación de armas”. O fillo do que fora alcalde de Castro de Rei non pode consentir agora que o rexedor doutro concello de Lugo xustifique a represión e afirme que as vítimas “sería porque o merecían”. 

“Representa unha nova ofensiva tinguida de provocación. A isto súmaselle o recente feito de ter arengado co coñecido saúdo fascista a un grupo de seguidores seus” sinala Darío Rivas na súa carta. 

En calidade de promotor da querela criminal, pola comisión dos Delitos de Xenocidio e/ou de Lesa Humanidade no tempo que vai do 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, ademais de como “particular damnificado por ditos crimes” afirma que observa “unha contradición insalvábel que nace das mesmísimas entrañas do estado”. Autor dunha autobiografía publicada pola Deputación de Lugo, activo participantes en multitude de actos de recuperación da memoria, activista pola xustiza, Darío Rivas lamenta que para os edís do “PP o xenocidio pola dereita está xustificado”. 

Ao alcalde de Baralla

“Ao rexedor de Baralla infórmolle que ao meu pai o asasinaron por ser coñecido e recoñecido polo pobo e oficialmente como un bo ser humano, bo viciños, que cooperaba economicamente e moralmente cos pobres. Bo alcalde e bo pai”  escribe Darío Rivas na súa carta na que esixe que, se o alcalde de Baralla “participou ou ten coñecemento do ocorrido en oportunidade dos asasinatos, ten a obriga moral de se presentar na querela” que el mesmo promove na procura de xustiza internacional por 115.000 asasinados e máis de 30.000 nenos roubados. “O meu desexos de xustiza é para toas as vítimas que foron prexudicadas ou asasinadas” afirma e , por iso, reclama non só unha rectificación do rexedor senón que o organismo provincial ao que pertence “dite unha medida exemplar ao respecto”. 

Darío Rivas, cos seus máis de noventa anos, continúa a defender que “é imperioso que a apoloxía do crime, veña de onde veña reciba a máis enérxica condena”. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1936 reclama “medidas exemplares” co...
comentarios