Os nomes do terror

Dionisio Pereira: “Joaquín Velarde xoga un papel decisivo na represión en Terra de Montes”

Dionisio Pereira é un das voces autorizadas nos estudos da memoria na Galiza. Autor dunha abondosa bibliografía arredor dos movementos sociais e político no período republicano e sobre a represión franquista e autor dunha investigación sobre os vitimarios na Terra de Montes que se distribúe a cuarta e a quinta feira no coleccionábel 'Os nomes do terror', con Nós Diario.
Dionísio-Pereira2-460x250
photo_camera Dionísio Pereira

Tense afirmado en moitas ocasións que non hai vítimas sen verdugos, pero cal foi realmente a dimensión e as características da represión na Terra de Montes?

A día de hoxe temos documentado 38 persoas asasinadas entre 1936 e 1940 na Terra de Montes pontevedresa, ademais, outras 260 foron represaliadas de diversas formas como cadea, multas, roubos ou expropiacións, sancións diversas, expulsións dos seus traballos no caso dos funcionarios públicos, malleiras ou agresións sexuais. Un castigo certamente relevante, se temos en conta que tanto Forcarei como Cerdedo eran pequenos concellos rurais. Compre sinalar, asemade, que a grande maioría dos asasinatos se cometeron fóra do territorio da bisbarra, habida conta o volume da poboación itinerante (os canteiros e seitureiros da Terra de Montes) que andaba ciscada non só por Galiza adiante, mais tamén por Asturias, Madrid, Castela, León, Catalunya ou Andalucía. Outra cuestión relevante é o feito de que a represión mortal acontecida na contorna non deixou rastro documental, dado que non foi recollida nin en rexistros civís, nin en causas xudiciais; para desvelala, houbo que recorrer a fontes orais e á documentación privada.

Fala no seu traballo que os primeiros falanxistas en varias localidades da comarca proceden das familias acomodadas vinculadas aos vellos poderes da Restauración, cal foi a súa actuación na represión e até que  punto podemos falar dunha continuidade nas elites locais durante o franquismo?

A Falanxe pioneira estivo inzada de xente nova pertencente a familias que participaron do poder municipal na Restauración ou na Ditadura de Primo de Rivera e que, na IIª República, sustentaran as Juventudes de Acción Popular, ao partido de Calvo Sotelo Renovación Española e, en menor medida, aos Requetés. Este vínculo á Falanxe de primeira hora determinou tamén a súa participación relevante, primeiro como trama civil do golpe en Cerdedo, Forcarei e Soutelo de Montes e despois como decisivo apoio á Guarda Civil na imposición da nova orde na bisbarra mediante a violencia. Respecto da súa continuidade no franquismo, cumpriría un estudo pormenorizado da composición das sucesivas Corporacións municipais; porén, hai indicios que permitirían estabelecer esa hipótese: o “camisa vieja” de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres foi rexedor ao finalizar a Guerra Civil e, logo, ocupou a alcaldía durante boa parte da década dos 50 do século pasado. En Forcarei, o seu correlixionario Francisco Filgueiras Gulías estivo como alcalde dende 1949 ate 1974. Tamén é de salientar que en Cerdedo, José Luis Jorge Caramés, neto do carlista José Caramés Gamallo que ocupou a alcaldía no tempo da Ditadura de Primo, estivo á fronte do concello nada menos que dende 1974 ate 2004.

Aparecen na súa investigación nomes de vitimarios que ficaron na memoria popular como Ricardo Menéndez "O Cubano", Ramón Bao ou José Filloy, que papel xogaron as milicias fascistas no conglomerado represivo e por quen estaban realmente dirixidas?

Nestes tres casos, foron milicianos da Falanxe de sinistra sona. Fora das milicias propiamente falanxistas, nos concellos de Cerdedo e Forcarei actuaron Guardias Cívicas ou Somaténs, compostas por xente “de orde”, normalmente de dereitas ou de esquerda “reconvertidos”, que tan só unha parte pertencía á Falanxe. De todos xeitos, estas partidas foron organizadas moi cedo polos delegados gobernativos, tal que o de Forcarei Sabino Mariño, equipadas pola Guarda Civil coas armas confiscadas aos veciños de esquerdas e infiltradas pola Falanxe, que ocupou os postos de responsabilidade. O papel das milicias falanxistas foi de notorio protagonismo a carón da Guarda Civil nas represalias de todo tipo, mentres que a Guarda Cívica empregouse máis ben para labores de acompañamento e vixilancia, malia que algún dos seus compoñentes, caso de Secundino Antelo Hortas “Lapote”, estivo implicado en numerosos castigos. En todo caso, os falanxistas cerdedenses, entre os que tamén houbo persoas con comportamentos humanitarios, tamén actuaron fora do seu territorio, pois participaron nas campañas de limpeza en Tui nos primeiros intres do golpe, no caso de Quireza compartiron coa Falanxe do cuartel da Consolación (A Estrada) múltiples abusos e, mesmo, pretenderon facer incursións na zona de A Cañiza.

O xefe provincial de Falanxe de Pontevedra, Manuel Castro Pena ocupa un lugar de relevo no traballo pola súas violencias e o aproveitamento do cargo para o seu lucro persoal, até que punto a súa actitude non é un caso illado e responde ao patrón de conduta doutros moitos dirixentes falanxistas?

Antes que nada, non está de máis lembrar que aínda falta moito para avaliar o volume e as consecuencias das multas, extorsións, roubos, confiscacións e incautacións pola brava que tiveron lugar nos primeiros meses do golpe militar, antes de que a represión económica se regulara polo decreto–lei do 10 de xaneiro de 1937. En diversas entregas que se publicarán na serie  Os Nomes do Terror, fanse referencias explícitas a estas prácticas que non foron nin esporádicas, nin, semella, espontáneas. Agora, compre elaborar unha visión de conxunto e complementala cos traballos de Julio Prada, que investigou a represión económica derivada dos Expedientes de Responsabilidades Civís e Políticas, operativos a partir de 1937 e 1939, respectivamente. Para iso, sería de grande interese facer un seguimento das actividades do xefe de Falanxe da provincia de Pontevedra, Manuel Castro Pena, que planeou unha mesta trama de extorsión económica contando coas forzas de choque das Falanxes de A Estrada e Quireza (Cerdedo), coa achega de pedáneos e algúns cregos para a elaboración de “listas negras” de antigos esquerdistas. Nesta trama, operativa entre o verán e decembro de 1936, non faltou de nada, dende o asalto nocturno a domicilios para esixir a entrega de cantidades de diñeiro ou outro tipo de bens, ate o secuestro expreso utilizando o chantaxe e a extrema violencia. Os feitos, que saíron á luz mercé a intervención do xuíz de 1ª Instancia de A Estrada, Fermín Bouza Brey, revelaron contactos que alentan a sospeita de que a trama ía máis alá de Tabeirós-Terra de Montes. En consecuencia, permite que nos fagamos a pregunta de se esta pauta de actuación criminal foi frecuente ou non Galiza adiante.

Refírese no seu estudo á colaboración coa represións dalgúns cregos como Aquilino Picón, Ventura Pérez ou Jesús Rodríguez Anllo, que valoración fai do papel xogado pola igrexa en Terra de Montes?

Compre apuntar que Terra de Montes foi escenario durante a IIª República dunha dura pugna entre o laicismo emerxente e uns cregos que rexeitaban a perda de privilexios. Daquela, tras o golpe militar unha parte notoria dos sacerdotes reaccionaron con resentimento. En todo caso, foi un papel dual, repartido case por igual. Cregos como os que se apunta e outros como o párroco de San Martiño de Figueiroa (Cerdedo), Manuel López Vizcaíno, destacaron como instigadores e delatores; mesmo, algúns ingresaron na Falanxe e foron sinalados como presuntos responsables de castigos físicos, humillacións sexuais ou cousas peores, caso do devandito Aquilino López Picón. Outro tema do que pouco se fala, é do papel que xogaron os cregos no sometemento das mulleres a un agresivo patriarcado que as invalidaba como suxeitos sociais, tarefa para a que contaron coa axuda de coñecidas damas cerdedenses e souteláns incorporadas á Sección Femenina e certas asociacións confesionais. Na outra cara da moeda, tamén houbo cregos que defenderon á súa parroquia impedindo males maiores, caso de Manuel Fraíz Garrido abade de Santa Mariña de Presqueiras (Forcarei) ou o párroco de Pedre (Cerdedo) José Paramé Ferro.

Dáse por asumido que os militares ocuparon un papel central no aparato represivo e no caso das vilas un corpo militar como a Guarda Civil, que significaría da actuación da benemérita para os concellos desa comarca?

No caso dos asasinatos da xente de Cerdedo e Soutelo de Montes, a execución dos mesmos adxudícase ás milicias da Falanxe, con apoio de cívicos e  falanxistas doutras zonas como Pontevedra ou do Salnés, mentres que a Guarda Civil aparece como colaboradora, pois foi a que entregou os presos que, logo, ían ser “paseados”. Porén, a responsabilidade última destes actos criminais semella estar na liña de mando que chega até o titular da Comandancia da Guarda Civil de Pontevedra Joaquín Velarde y Velarde e, en todo caso, co beneplácito do delegado gobernativo e gobernador civil da provincia, Ricardo Macarrón Piúdo. Fora disto, a mecánica represiva presenta como protagonista das detencións, simulacros de execución e malos tratos durante os interrogatorios nos cuarteis, á forza mixta composta por gardas civís, falanxistas e cívicos, con especial énfase nos primeiros. Entre eles, salientaron Jesús Maceiras García e Desiderio Carbajo García, números destinados en Cerdedo e Forcarei, respectivamente.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios