martes 24/11/20

O terror franquista na Galiza ten nomes

A partir da segunda feira o coleccionábel ‘Os nomes do terror’
Milicianos fascistas en Cangas do Morrazo (Foto: 'Nomes e voces')
Milicianos fascistas en Cangas do Morrazo (Foto: 'Nomes e voces')

O vindeiro 3 de outubro sae á rúa unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal da terza a sexta feiras ao longo dos meses de novembro e decembro recolle 34 traballos sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror dá continuación a un volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza en 2017 e, como daquela, tenta botar luz sobre un período da nosa historia aínda hoxe incómodo ao poder para favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

A nova entrega conta coa participación de 23 autoras e autores de diversas xeracións e procedencias. Algúns deles fan parte das primeiras fornadas que comezan a estudar a represión en diferentes comarcas da Galiza a comezos dos anos 80, outros destacan pola súa mocidade, uns proceden do ámbito académico e outros do ámbito social. A publicación, coordinada por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido, ten entre os seus colaboradores Xosé Álvarez, Carlos Meixome, Antón Mascato, Xesús Torres, Carlos Nuevo, Edelmiro Cerredelo, Xavier Moure, Manuel Pazos, Celso Milleiro, Xosé Novas, Fernando Vidal Collazo, Manuel Monge, Xosé Ramón Paz Antón, Manuel Pérez Lorenzo, Xabier Buxeiro, Rafael García, Mateo Martínez, Ana Cabana e Susana Aríns.

A publicación achega información sobre os vitimarios en 21 comarcas e localidades galegas. Compostela, Bergantiños, Sada, Betanzos, Ordes, A Mariña, Ribadeo, Sarria, Ribeira Sacra e Courel, Ancares, Terra de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Bueu, Marín, A Louriña, Val Miñor, Baixo Miño, A Limia, O Ribeiro e As Frieiras. Ao tempo analizase o papel na represión de persoas como Sergio Peñamaría de Llano na comarca de Valdeorras, do gobernador civil de Pontevedra, Manuel Gómez Cantos ou do delegado de orde público en Ferrol, Victoriano Suanzes. Nunha orientación máis sectorial Dionisio Pereira estuda a actuación da patronal pesqueira no conglomerado represivo, Xoán Carlos Garrido o da xerarquía eclesiástica e Eliseo Fernández o da Guarda Civil. Por outra banda, Ana Cabana debulla a consideración dos vitimarios na tradición oral e Susana Aríns bota luz sobre a persoa que inspira o protagonista do seu romance Seique.

A investigación busca cambiar a ollada sobre o operativo do terror. Até agora as vítimas teñen ocupado o centro de atención nos estudos da memoria, porén falta sacar á superficie a realidade que se agocha tras os verdugos reparando na lóxica do conglomerado represor organizado polo réxime franquista. Ao longo do coleccionábel aparecen aqueles nomes que teñan ficado no imaxinario popular asociados ao terror fascista pero sobre todos os actores que o teñen feito posíbel, comezando polos militares e continuando polo poder económico, a xerarquía eclesiástica ou a militancia falanxistas e doutros grupos da dereita.

Neste sentido, o traballo non só pretende cubrir un labor informativo, senón impulsar unha reflexión arredor de que memoria merece unha sociedade democrática. 

comentarios