Denuncian que o Estado español continúa negándose a investigar xudicialmente os crimes do franquismo

Ceaqua critica a nova Lei de Memoria e a postura do PSOE.
Manuel Reboiras ensina a querela criminal polo asasinato do seu irmán, Moncho Reboiras.  Estivo acompañado da avogada de Ceaqua, Irene Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A avogada de Ceaqua, Irene Álvarez., xunto con Manuel Reboiras, irmán do asasinado Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

A Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina Contra os Crimes do Franquismo (Ceaqua) denuncia un novo intento do Estado español “para bloquear a investigación e persecución dos crimes franquistas”.

Nun comunicado, critica que o pasado 10 de maio o PSOE “impediu” a aprobación dunha iniciativa lexislativa “que pretendía introducir no Código Penal o principio de legalidade que acabaría co sistema de impunidade dos delitos cometidos durante o franquismo”.

O grupo do Partido Socialista Obreiro Español –“que optou a pola mesma posición tomada  polo Partido Popular, Vox e Ciudadanos, freando así a súa tramitación parlamentaria”, critica- xa fixera o mesmo en marzo de 2022, cando esa mesma posición do PSOE freara o seu trámite parlamentario.

A antedita iniciativa tentaba eliminar un dos principais obstáculos que invocan de modo constante os xulgados e tribunais españois para xulgar os crimes franquistas: o principio de legalidade.

Este está incluído en distintos Tratados e Acordos Internacionais asinados e ratificados polo Estado español, entre outros no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e no Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

Ademais, un día antes a Rede Ceaqua recibiu o expediente de inadmisión e, polo tanto, de arquivo da denuncia  presentada en Pamplona polas torturas sufridas por María Concepción Edo Gil, nun contexto de crimes de lesa humanidade por parte da policía española en 1973 tras ser detida por repartir folletos dun sindicato.

Para Ceaqua, esta inadmisión fai fincapé “na importancia da iniciativa lexislativa levada ao Senado como ferramenta eficaz para loitar contra a impunidade dos crimes do franquismo, aínda vixentes no Estado español, garantindo a investigación dos feitos”.

Por que o PSOE votou “non”?

“Porque –explica Ceaqua- o PSOE considera que coa actual Lei de Memoria Democrática, os dereitos das vítimas que sufriron graves violacións dos seus Dereitos Humanos durante a ditadura franquista e a Transición, e os seus familiares, quedan recoñecidos e materializados”.

Non obstante, desde Ceaqua consideran que iso “non é así”, xa que “o dereito á xustiza segue a ser denegada polos Xulgados e Tribunais do Estado español, pois continúan os mesmos obstáculos lexislativos que amosan pouca vontade e compromiso político para garantir e protexer o dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición no Estado español”.

Con todo “e a pesar do tempo transcorrido desde que se cometeron os delitos”, e a ser “conscientes” das dificultades que supón “reverter unha política de impunidade e esquecemento mantido polo conxunto do Estado español”, Ceaqua afirma que non deixara de reclamar e esixir “o recoñecemento do dereito efectivo á Xustiza das vítimas da ditadura e da Transición”.

Comentarios