venres 25/06/21

Defensa confirma a retirada do nome do franquista Salvador Moreno do colexio de Pontevedra

CIG-Ensino chama a eliminar dos centros educativos os nomes vinculados co franquismo.

Salvador Moreno. Ministro de Franco
Salvador Moreno. Ministro de Franco

Dous meses despois de que se reclamase a eliminación do nome do fascista Salvador Moreno do colexio vinculado ao Ministerio de Defensa na cidade de Pontevedra, o Ministerio vén de publicar no seu boletín oficial o cambio de denominación con efectos de finais deste curso escolar. Moreno participou no golpe de estado contra a I República e exerceu diferentes cargos e responsabilidades na ditadura franquista, como ministro da Mariña.

O nome fixado por Defensa é Juan Sebastián Elcano. A demanda partía dunha serie de entidades, entre elas a CIG-Ensino, que se tiñan pronunciado a prol da retirada da distinción a este fascista vinculado moi directamente co golpe militar de 1936 e da represión posterior.

Desde a CIG-Ensino demandan que se dean pasos adiante nas demais demandas que trasladaron o pasado 5 de marzo ao Ministerio de  Defensa e outras administracións: a modificación dos principios que figuran na web do colexio, impropias dun centro público (“El proyecto educativo del colegio se inspira en una concepción cristiana del hombre y de la vida”) ou a colocación da bandeira galega no edificio, ausente a día de hoxe.

Desde a CIG-Ensino considern, con todo, que o paso principal que se debe dar é a transferencia deste centro á Xunta, seguindo o camiño do traspaso dos centros vinculados ao ISM no ano 2007 ou outros centros vinculados tamén ao Ministerio de Defensa na comarca de Ferrolterra como o CEIP Isaac Peral, o IES Saturnino Montojo ou o CEIP Virxe do Mar.

A CIG-Ensino informa que porá en marcha nos próximos días unha campaña para instar ás diferentes administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista.

Neste sentido, o sindicato vai dirixirse á Xunta de Galiza, á Deputación da Coruña, ao Ministerio de Educación e a diferentes Concellos con colexios con nomes franquistas ou con distincións honoríficas para que se cumpra a Lei de Memoria Histórica de 2007

comentarios