Defende Meirás mobilízase este sábado no pazo malia non autorizalo o Estado

O movemento memorialista galego celebra este sábado unha marcha cívica nas inmediacións do pazo de Meirás para reclamar a propiedade dos bens móbeis e exixir o fin da "impunidade franquista". O Estado deu a calada por resposta ante a petición de acceso á finca, mais a manifestación non 
se cancelou.
Manifestantes nas inmediacións do pazo de Meirás o pasado 10 de decembro (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Manifestantes nas inmediacións do pazo de Meirás o pasado 10 de decembro (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O pasado 10 de decembro o Estado recuperaba a propiedade do pazo de Meirás, en mans da familia Franco desde que llo entregara en 1938 a Xunta Pro Pazo a través de coaccións e doazóns forzosas —como acreditou a xuíza de primeira instancia Marta Canales, malia que posteriormente a Audiencia Provincial da Coruña considerou "irrelevante" esta cuestión—.

Porén, a sentenza permitía aos herdeiros do ditador retirar os bens do interior do edificio, ao entender que o Estado "unicamente demandou, e así se estimou, un dereito de propiedade sobre unha finca catastral". Finalmente, o pasado 21 de maio, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu a 'mudanza' que preparaban os Franco até se determinar a propiedade dos bens móbeis, logo do recurso presentado pola Avogacía do Estado.

A fin de asegurar a recuperación para o patrimonio público dos bens "espoliados" por Francisco Franco, a Iniciativa Defende Meirás mobilízase este sábado —a partir das 12 horas— na explanada principal do pazo de Meirás. O Concello de Sada acondicionará o espazo para acoller os "centos de persoas" que se prevé participen da mobilización, que apoian 68 entidades sociais, veciñais e culturais de toda Galiza, incluíndo partidos políticos e sindicatos.

"Acudimos coa mellor das vontades para chamar a atención sobre esta cuestión e reclamar á sociedade e as autoridades que nos comprometamos a loitar contra a impunidade franquista", argumenta, en declaracións a Nós Diario, o historiador e portavoz de Defende Meirás Carlos Babío.

O Estado non autoriza o acceso ao interior do Pazo

Malia ter formulado a petición "en tempo e forma" perante a Delegación do Goberno estatal na Galiza e a secretaría de Estado de Memoria Democrática, o colectivo aínda non obtivo "ningún tipo de resposta" sobre a autorización desta marcha cívica. "Parécenos sorprendente porque non somos un grupo de turistas que pide acceder ao pazo. Somos os movementos memorialistas e temos colaborado de forma activa nesta causa, de tal feito que a propia sentenza considera imprescindíbeis as nosas achegas", lamenta.

De se denegar finalmente o acceso a Meirás, sería a segunda vez que o Estado dá "coa porta nos fociños" aos memorialistas: "Déronse un baño triunfal na entrega das chaves —o 10 de decembro— e deixáronnos fóra, esquecendo o noso movemento, as vítimas e a sociedade en xeral", cuestiona Babío.

Con todo, o historiador rexeita entrar en "liortas" co Estado que "poderían favorecer aos Franco" ou "comezar outra guerra que non sexa contra a impunidade franquista". Aliás, reividinca o "dereito fundamental" de se manifestar, e insta o Estado a retomar o "método Meirás", termo acuñado polo secretario de Estado de Memoria, Fernando Martínez, a fin de "sumar colectivamente como sociedade democrática".

Fontes da Delegación consultadas por este xornal non aclararon a posición do Goberno do Estado a respecto desta mobilización.

A familia Franco podería recuperar Meirás

Carlos Babío destaca que a mobilización deste sábado vai máis aló da recuperación dos bens do interior de Meirás —entre os que se atopan as estatuas do Mestre Mateo, catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC)—, senón que a propia titularidade do pazo aínda podería mudar: "Os Franco están a dar unha batalla xudicial sorprendente, e a propiedade do propio inmóbel aínda está pendente dunha resolución xudicial —recurso de casación presentado ante o Tribunal Supremo o pasado marzo—", lembra.

Tamén está pendente de se resolver, alén da propiedade dos bens do interior do edificio, se cómpre finalmente indemnizar á familia do ditador "polos danos e prexuízos causados".

En calquera caso, ver á familia Franco retirando os móbeis de Meirás sería para Babío "unha imaxe vergoñenta". "Intentar convivir coa impunidade franquista nunha sociedade democrática sería o mundo ao revés", sentencia.

Apoio á manifestación desde Bruxelas

O grupo de Memoria Histórica do Parlamento europeo, do que forma parte a deputada e portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda —xunto con representantes de EH Bildu, PNV, Unidas Podemos, PSOE, Junts, ERC e outros partidos europeos—, amosou o seu apoio "sen fisuras" á manifestación que decorrerá en Meirás.

"O pazo é un referente simbólico indiscutíbel na loita en favor da memoria histórica europea e contra o espolio levado a cabo polo franquismo, polo que a celebración desta marcha tres anos despois da nosa visita  ao pazo —o 3 de maio de 2018— ten un valor moi especial", expuxo o grupo.

Aliás, as e os eurodeputados salientaron o seu "firme" apoio "non só á devolución do pazo de Meirás, senón tamén ao resto de bens incautados polo franquismo, como a Casa Cornide, así como a reparación ás vítimas".

Comentarios