A Xustiza admite o recurso dos Franco contra a paralización da retirada dos bens de Meirás

A familia do ditador rexeitou os recursos do Goberno Español e o Concello de Sada para intentar protexer elementos como as estatuas de Abraham e Isaac, do meste Mateo, do "espolio". No entanto, a Xunta e o Estado seguen sen avanzar na ampliación da declaración BIC e os mobles e outros obxectos volven correr perigo.
Momento no que entraron as primeiras persoas para facer o inventario do pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Momento no que entraron as primeiras persoas para facer o inventario do pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña volve pór en risco os bens que garda o pazo de Meirás ao ter admitido a trámite o recurso de reposición presentado polos Franco contra a providencia do 19 de maio na que quedou suspendido temporalmente o permiso para facer a mudanza do inmoble. No marco dese traslado anunciaran que levarían as estatuas de Abraham e Isaac, do mestre Mateo, e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, ademais doutros obxectos recollidos no inventario como propiedade do Estado español.

Mentres a Xunta e o Executivo español seguen sen un acordo sobre quen debe iniciar os trámites para ampliar a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do pazo de Meirás aos bens, a familia do ditador dá un paso máis á fronte no intento de levar todo do inmoble.

Se hai semanas conseguiran permiso para levar as cousas e mesmo mandaran unha empresa de transportes ao complexo -sen que se lle permitira o paso- e a presentación de cuestións incidentais polo Concello de Sada e a Administración do Estado paralizou calquera movemento, agora a Xustiza volve estar do lado das e dos achegados de Francisco Franco.

Ao facer un recurso de reposición contra ese mandato "en prazo e forma", é posíbel que se levante a providencia estabelecida até que se resolvera se o mobiliario forma parte do pazo ou non.

O Executivo español pedía a "necesaria conservación do inventario" e a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas" atendendo ao artigo 334 do Código Civil. Pola súa banda, o Goberno municipal de Sada reclamaba que se incluíra, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do espazo.

Recurso de reposición en cinco días

Contra a dilixencia de ordenación emitida este martes polo xulgado cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días. Ademais, o órgano xudicial acordou unir á causa os escritos presentados polas partes acudidas nela.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) forneceu esta nova información na terza feira, destacando que as partes poden presentar recurso de reposición nun tempo máximo de cinco días. No caso contrario, o máis probábel é que os Franco poidan acceder a Meirás en breve.

Malia todo, a Iniciativa Defende Meirás segue a preparar a marcha cívica do 19 de xuño para protexer os obxectos "da rapina dos Franco". Ademais, o investigador Carlos Babío foi absolto no xuízo contra a familia.

Pola contra, o Consello Xeral do Poder Xudicial rexeitou, nun informe, a prohibición da existencia das fundacións franquistas como a que xestionaba as visitas ao espazo até hai relativamente pouco.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios