Opinión

Meirás, Zapata

[Xesús M. Piñeiro] 

A frase que se atribúe a Zapata (“A terra para quen a traballa”) e que resumía a súa revolución ben lle pode acaer ao pazo situado en Sada. Se os campesiños e campesiñas mexicanas foron as que traballaban e suaban a terra, quen mellor que eles e elas para decidir sobre ela? Igual se podería dicir sobre quen traballou e suou todos estes anos pola recuperación para o pobo do pazo espoliado no seu día polo franquismo para goce do ditador e familia. 

Hai debate sobre os usos do pazo, debate lexitimo, por suposto. Hai quen pretende facer xirar o pazo, agora que xa non é dos Franco, en torno a Pardo Bazán, como se o que pasou no S. XX non existise. Como se quen suou e traballou todos estes anos pola reversión de Meirás ao pobo galego non fose o movemento memorialístico. Moitas veces ante o silencio ou desprezo das mesmas Administracións que agora, si, queren decidir para que ten que ser Meirás.

Nestas horas, un barco cunha delegación zapatista achégase desde México a Galiza, onde principiarán unha xira europea na defensa da vida, a liberdade e a xustiza. Quizás do buque baixe o propio Zapata, para nos lembrar que “Meirás, para quen o traballa”.

Comentarios