Debería Castelao ser recoñecido como o primeiro presidente da Galiza?

O Partido Galeguista e as entidades da emigración de Bos Aires presentaron unha petición aos portavoces dos grupos parlamentarios e ao presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, para o recoñecemento institucional de Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao como "primeiro presidente da Galiza"
Daniel Castelao en Montevideo, en abril de 1943.
photo_camera Castelao en Montevideo, en abril de 1943.

O Partido Galeguista presentou un informe xurídico co que queren avalar o recoñecemento, por parte do Parlamento da Galiza e da Xunta, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como "primeiro presidente" da Galiza.

Así, o documento xurídico, que asina Avogados e Consultores Pérez-Lema, lembra que Castelao foi o primeiro presidente do Consello da Galiza (novembro de 1944-xaneiro 1950) e era o Consello o "representante fideicomisario da vontade plebiscitaria da Galiza de 1936", sendo así Castelao "protopresidente da Galiza autonómica recoñecida, e en boa medida, reinstaurada en 1981".

Engade o documento que Castelao era "presidente fideicomisario elixido polos deputados da Galiza que gozaban de "liberdade de acción".

O principio democrático "exixe" este recoñecemento

O documento xurídico engade que, neste sentido, o principio democrático "exixe" este recoñecemento de Castelao como presidente fideicomisario ou protopresidente. "O mesmo principio democrático permite definilo como o primeiro presidente da Galiza autonómica e democrática", sentenza.

Así, o Partido Galeguista e as entidades da emigración de Bos Aires presentaron unha petición aos portavoces dos grupos parlamentarios e ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, para o recoñecemento institucional de Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao como "primeiro presidente da Galiza", para o que as primeiras institucións galegas deben dispensar honras e protocolos propios a este recoñecemento. Tamén piden iniciativas que divulguen o seu ideario no conxunto da sociedade galega.

"Oportunidade histórica"

No comunicado difundido aos medios, o Partido Galeguista e entidades do exterior entenden que a próxima celebración do nacemento de Castelao, o 29 de xaneiro de 1886, "é unha oportunidade histórica para instalar no conxunto da sociedade e no mundo os valores democráticos, humanistas e de defensa da nosa terra que levaron a Castelao á presidencia do Consello da Galiza, no exilio, en 1944".

Comentarios