O Parlamento galego aproba a lei para reducir a temporalidade no sector público

A taxa de temporais pasou de 14% a 30% en 13 anos
Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O Parlamento galego aprobou esta terza feira cos votos a favor do PP e do PSdeG e a abstención do BNG a Lei de medidas urxentes de redución de temporalidade no sector público.

Os propios datos ofrecidos polos participantes no debate parlamentario recollían que na Galiza a taxa de temporalidade no sector público sitúase en 30%, cando en 2009 estaba en 16%. "Se daquela había 14.000 traballadoras e traballadores temporais agora son 30.000", lamentou Iago Tabarés (BNG), que sinalou que a lei para reducir a temporalidade que se debatía esta terza feira"chega tarde", pois xa en 2001 debía de ser trasposta ao ordenamento estatal desde o europeo.

Tabarés, ademais, botou a faltar que o proxecto de lei "careza de ambición" e se limite a "replicar" a lei estatal, sen ir máis alá de cara a un emprego público con maiores garantías.

Gonzalo Caballero (PSdeG) afirmou que o PP "non cre na estabilidade laboral" e que se esta lei estaba a debaterse no Parlamento da Galiza era porque "vén obrigada por unha lexislación estatal" sobre este mesmo tema, a Lei 20/21.

Caída de 13 puntos

A porcentaxe de traballadores fixos e funcionarios de carreira, afirmou o deputado socialista, pasou de ser 83% na Administración pública en 2009 a ser agora 70%. "Deberiamos de ter claro que o emprego público é a base do Estado de benestar", concluíu Caballero.

Pola súa parte, José Alberto Pazos Couñago (PP) dixo que esta lei era "útil e necesaria" e que o compromiso do Goberno galego era "reducir a temporalidade", algo que a oposición puxo en dúbida apelando aos datos de 13 anos de Gobernos da Xunta polo PP.

O proxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público presentouse pola Xunta en outubro afirmando que suporía a convocatoria por concurso de méritos ou oposición de 10.338 prazas antes de final de ano. Porén, o principal sindicato da Galiza, CIG, cualificou este proxecto de "insuficiente".

Comentarios