A Coordinadora de Apoio á Querela Arxentina únese ás críticas ao Concello de Ferrol por “vetar a familia de Reboiras”

Ceaqua cualifica a decisión do Goberno municipal ferrolán de "antidemocrático", "perpetúa as políticas de impunidade e obvia que o asasinato de Moncho Reboiras foi por motivos políticos".

Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

A Coordinadora de Apoio á Querela Argetina (Ceaqua) na Galiza sumouse esta segunda feira ás críticas contra o Goberno local de Ferrol, do PP, por vetar a presenza da familia de Moncho Reboiras no acto de descubrimento dunha placa en recordo dos represaliados polo franquismo, que vai ter lugar o 24 de febreiro na cidade.

Ceaqua subliñou que é "inadmisíbel" a negativa do Goberno municipal do PP para aceptar esa participación, proposta pola Comisión Pro Memorial ás vítimas de franquismo, e lembrou que Moncho Reboiras "conta cunha declaración de reparación do Ministerio de Xustiza na cal se recoñece que, debido á defensa do movemento sindical e á súa militancia política nacionalista, padeceu ilexítimamente persecución e violencia que motivaron o seu asasinato en Ferrol".

A pesar deste recoñecemento, denunciou a Coordinadora, o PP do Concello de Ferrol "co seu veto obvia o recoñecemento como vítima tanto a Moncho Reboiras como á súa familia".

Ceaqua lembrou que Moncho Reboiras foi "un dos dirixentes políticos máis significativos dos anos 70 da Unión do Povo Galego (UPG), contribuíndo aos inicios da Fronte Obreira, a chamada Fronte Cultural Galega, a reorganización e definición do 'movemento nacional popular galego' e unha fronte conformada polas organizacións de masas do nacionalismo daqueles anos".

En 1974 a brutal represión do réxime ditatorial franquista, porsegue, levouno á clandestinidade, e o seu asasinato "tivo lugar nun contexto de ataque xeneralizado e sistemático á poboación civil", con "violacións puníbeis de dereitos humanos recollidas como crimes de lesa humanidade na normativa internacional".

De feito, engadiu, estes feitos foron obxecto dunha querela contra 26 membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado franquista en febreiro de 2022 ante os Xulgados de Instrución de Ferrol por un delito de asasinato en concurso con crime de lesa humanidade, actuacións que se atopan á espera de resolución de recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Para Ceaqua, o veto do goberno de Ferrol, que tamén foi criticado, entre outros, polo BNG, é "antidemocrático", "perpetúa as políticas de impunidade e obvia que o asasinato de Moncho Reboiras foi por motivos políticos". Por iso, esixiron unha rectificación, que retire o veto á familia de Reboiras e "recoñeza a diversidade" de vítimas do réxime franquista "sen establecer categorías de forma arbitraria".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios