Manuel Reboiras: "Co meu irmán, Moncho, aínda non se fixo xustiza"

Manuel Reboiras Noia presentará esta sexta feira unha querela criminal nos Xulgados de Ferrol contra 26 axentes da Policía franquista aos que lles imputa o delito de asasinato en concurso con crime de lesa humanidade do seu irmán, Xosé Ramón, 'Moncho', militante da Unión do Povo Galego (UPG) o 12 de agosto de 1975.
Manuel Reboiras Noia, irmán de Moncho. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Reboiras Noia, irmán de Moncho. (Foto: Nós Diario)

—48 anos despois do asasinato do seu irmán Moncho Reboiras vai ao xulgado denunciar os asasinos.
A querela preséntoa a través de Ceaqua, a Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina, pois se non é polos seus avogados e xente especializada, é imposíbel facelo, é un trámite complexo e complicado. Por que agora? Aprobouse a nova Lei da Memoria Democrática e modifícanse cousas sobre simboloxía [franquista] nas rúas, igrexas... mais a respecto das persoas torturadas e asasinadas poucos cambios trae. Ceaqua leva anos traballando neste tema e puxéronse en contacto comigo. 

Hai unha campaña a nivel de Estado, con 90 querelas presentadas por persoas que demandan que se investiguen e xulguen os crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista, entre eles o do meu irmán.

—Que procura con esta querela?
Fundamentalmente, chamar a atención na opinión pública de que isto non é un tema acabado, son crimes de lesa humanidade. Argumentar que isto é unha cousa do pasado, que non hai que removela -cando, evidentemente, os asasinatos e as torturas que se fixeron no franquismo están aí, non cicatrizaron-, non resolve o problema. Hai que facer ruído para que isto non fique impune, non se oculte. Hai que dar transparencia ao que pasou. E, sobre todo, aclarar quen foron as vítimas e quen os verdugos.

—A querela diríxese contra 26 membros das forzas e corpos de seguridade do Estado (Policía Armada e Brigada Político-Social) implicados no asasinato do seu irmán.
Son os 26 nomes que figuran no expediente sobre aqueles feitos, que conseguimos no xuízo a Francisco Carballo, procesado en 1979 por escribir que Moncho fora asasinado pola Policía. No expediente, aparecen as declaracións deses 26 señores, un tenente, tres cabo primeiros e os axentes que tomaron parte naquela operación. Son, en definitiva, Policía Armada e Brigada Político-Social, xentes do aparato da represión franquista. Persoalmente non sei nada deles.

—Confía en que esta querela derive nun xuízo e que nel se poida saber máis daqueles feitos e dos implicados?
De houber xuízo, sería unha boa nova.

—Considera que co seu irmán non se fixo xustiza?
Non se fixo, nin tampouco reparación ningunha. O único foi aquel recoñecemento do Goberno español en 2009. Estivo ben, á miña nai deulle unha alegría. Mais non deixa de ser un acto simbólico e un papel no que se di que Moncho foi vítima do franquismo. Mais o tema de fondo, o recoñecemento social de que o franquismo foi un estado de terror, iso aínda non se fixo.

—Teñen a sensación de que os asasinos de Moncho saíron impunes?
Evidentemente. Non só os responsábeis directos, senón o Estado franquista e todo o aparato de represión que tiña. Iso está por asumir.

—Falou da reparación oficial polo Goberno estatal da memoria de Moncho. Mais bota en falta recoñecementos institucionais na Galiza?
Botamos en falla, primeiro, que haxa xa un recoñecemento das vítimas do franquismo en xeral, e, claro, tamén do meu irmán, un home de 25 anos que o único que quería era liberdade, un mundo mellor e unha Galiza soberana. A inauguración en agosto en Dodro, de onde somos, dunha rúa dedicada ao meu irmán foi emocionante, alegrounos e orgulleceunos. A pena é que a miña nai non puidese vivir para velo.

No rural a familia é un factor importante a nosa familia era moi querida e recoñecida. O día queenterramos a Moncho e a pesar da gran presenza policial e dos controis, alí no cemiterio estaba toda a veciñanza da aldea e tamén de aldeas próximas.

"Aínda hoxe me custa falar do tema"

Manuel Reboias emociónase lembrando como era o seu irmán. "Preguntarme a min sobre como era é tirar dos sentimentos e a día de hoxe aínda me custa falar do tema. Era o meu irmán maior, a miña referencia, érao todo para min. Levábame un ano, viñamos da aldea e fomos para Vigo, alí fixemos os estudos, participamos na vida política e cultural da cidade... Non me pidas que fale de como era porque... Era unha boa persoa, un traballador nato e unha persoa entregada e cumpridora".

Manuel tamén militou naqueles anos no nacionalismo. "A militancia era dura naqueles anos de clandestinidade. Sabías o que te xogabas. Cousas como repartir un panfleto ou unha pintada... como mínimo supuña, se te collían, maos tratos e cadea".  "O compañeirismo e a relación que había era moi de combate e tamén moi humana, de solidariedade", lembra Manuel.

Comentarios