O Concello de Ferrol (PP) veta a familia de Moncho Reboiras na inauguración dun monumento ás vítimas, denuncia o BNG

Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, afirmou que é moi triste que a estas alturas do século XXI, o PP continúe a exercer a súa práctica política sobre “a base de comportamentos intolerantes e retrógrados que discriminan persoas asasinadas por unha ditadura atroz pola súa condición ideolóxica, instaurando categorías de vítimas do franquismo”.
Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

Unha escultura memorial no parque Antón Varela, no barrio ferrolán de Canido, homenaxeará as 904 persoas asasinadas pola ditadura franquista, entre 1936 e 1975, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Ao redor da colocación desta escultura xerouse polémica, iniciada polo Concello de Ferrol liderado polo PP.

Tras a comisión informativa de Cultura do Concello, o PP informaba (a unha pregunta do BNG) da negativa do goberno local a aceptar a proposta formulada por parte da comisión pro-memorial para que familiares de Moncho Reboiras participasen do acto de inauguración do monumento. “Desde o BNG exiximos ao alcalde de Ferrol [José Manuel Rei] que levante o inconcibíbel veto imposto polo PP a determinadas persoas, vítimas dunha ditadura atroz”, manifestaron desde a formación nacionalista.

Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, afirmou que é moi triste que a estas alturas do século XXI, o PP continúe a exercer a súa práctica política sobre “a base de comportamentos intolerantes e retrógrados que discriminan persoas asasinadas por unha ditadura atroz pola súa condición ideolóxica, instaurando categorías de vítimas do franquismo”.

"Personaxe conflitiva"

Rivas considerou fóra de lugar a postura dos populares e censurou os argumentos expostos polo PP na comisión cando afirmou que “Moncho Reboiras era unha personaxe conflitiva” e pediulle ao PP que abandone dunha vez a práctica de edulcorar e branquear un réxime inxustificábel e que acepte a diversidade e pluralidade de pensamento como un feito consubstancial á democracia.

O portavoz nacionalista, lembrou que este non é o primeiro veto que o PP impón para que a inauguración do monumento teña lugar. Previamente a esta decisión, o alcalde desta cidade xa impediu a participación neste acto dunha representante do BNG, a proposta tamén da comisión co obxecto de dar visibilidade a diversidade política que existe na comarca.

Rivas, pediu esta cuarta feira ao alcalde da cidade que “abandone estes comportamentos reaccionarios, cando menos respecto da participación neste acto dos familiares de persoas que, como Moncho Reboiras, foron vítimas mortais dunha ditadura do terror que se prolongou durante décadas até ben entrado 1975 e na cal se asasinou de maneira indiscriminada persoas pola súa condición política, sexual, ideolóxica ou por simplemente discrepar do réxime ditatorial imposto tras un alzamento militar”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios