Celanova debaterá a retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra ao abeiro da Lei de memoria

A 'Bandera de Marruecos', gornición responsábel dos "únicos fusilamentos que tiveron lugar na Prisión Central de Celanova", ordenou levantar este símbolo.
Detalles da cruz do Outeiro da Obra, en Celanova. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detalles da cruz do Outeiro da Obra, en Celanova. (Foto: Nós Diario)

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de solicitar á corporación municipal, despois da aprobación da nova Lei de memoria histórica, a retirada de maneira inmediata do memorial falanxista do Outeiro da Obra, alén da placa aínda presente no edificio da antiga escola de Vilanova dos Infantes e outros símbolos contrarios á memoria democrática.

Nunha proposta de moción dirixida aos grupos que forman parte do pleno, o Comité de Memoria Histórica tamén solicitou que se restabeleza o topónimo Outeiro da Obra na rúa e en toda a información e documentación pública oficial, así como cambiar a sinalización do lugar, eliminando a denominación 'Monte da Cruz' porque "é contraria á memoria democrática".

O comité apela así, ao abeiro do disposto no capítulo IV, sección I, da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de memoria democrática, que entrou en vigor o pasado mes de outubro. Aliás, a entidade volveu reclamar "protección" para a pintada 'Adiante Semanario', situada na fachada do mosteiro da praza maior, como "elemento e lugar de memoria".

"Durante algunhas semanas do pasado verán, o Goberno local colocou un cartel coa lenda 'Non golpear o Mosteiro', mais desistiu desa medida despois de que o cartel desaparecese en dúas ocasións deixando a pintada sen protección", sinalan desde o comité.

O levantamento dun monumento no Outeiro da Obra, explican, foi unha iniciativa da oficialidade da 'Bandera de Marruecos', unidade militar falanxista de gornición en Celanova entre xullo e setembro de 1939.

"Esta unidade paramilitar é responsábel directa dos únicos fusilamentos que tiveron lugar na Prisión Central de Celanova, deixando unha fonda pegada de terror entre a poboación e os presos. Durante a posguerra o entorno foi adaptado como escenario para actos con significado político organizados polo órganos do Movimiento, como a celebración do 'Día dos Caídos'. Existe constancia da utilización de presos políticos como man de obra na construción do camiño de acceso ao monumento", lamentan.

Moción en Neda

De forma paralela, o BNG de Neda leva ao pleno do próximo 28 de novembro unha moción semellante, solicitando neste caso a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira, coñecido como 'Cruz dos Caídos', así como a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios