xoves 26/11/20
'Os nomes do Terror'

Carlos Méixome : “O Kurtz miñorán chamábase cabo Pena”

Carlos Méixome Quinteiro (Lalín, 1954) leva moitos anos a voltas coa memoria do Val Miñor. Primeiro estudando as vítimas e agora investigando aos verdugos. A Falanxe da Ramallosa en tempos de ferro e lume (1936-1939) é a súa achega ao coleccionábel dos vitimarios de Nós Diario que se reparte co xornal.
Carlos  Méixome
Carlos Méixome

A represión é unha historia de vítimas e de verdugos; como persoa que tes traballado durante moitos anos o tema da memoria no Val de Miñor, que destacarías da natureza e do alcance da represión nesa comarca?

A sociedade miñorá tiña, na altura,un gran dinamismo. A proximidade a Vigo turraba dos tres concellos do Val de Miñor nos que a tradición migratoria alentara o despegue económico e cultural. As remesas americanas empregáranse en mercar terras nun val abondoso en casas fidalgas, pero tamén na educación con centros escolares tan salientábeis como a escola Pro Valle Miñor ou a dos fillos de Morgadáns, pero tamén o crac do 29 obrigou ao regreso de moitos emigrantes, pola crise en si ou expulsados pola ditadura de Uriburu (1930-1932) na Arxentina. Traían novas olladas, formación sindical en moitos casos, e unha actitude vital anovadora.

Era, pois, unha sociedade dinámica e organizada tanto no sector do mar, con sindicatos como “El despertar del Valle” ou o “Sindicato de Industrias Pesqueras” de Baiona, adscritos ambos á CNT, e con lideres prestixiosos e recoñecidos, como a través dos sindicatos de obreiros e oficios varios de Gondomar e San Pedro da Ramallosa, pero é que ademais en cada parroquia había a súa sociedade agraria, que mesmo se federaron a nivel do Val, aínda que non todas,e remataron por integrarse na Federación Provincial Agraria que sería quen de colocar a Antón Alonso Ríos como deputado, e todo isto sen esquecer o importante labor que desenvolven os mestres e mestras, tanto no aspecto sindical na “Federación de Trabajadores de la Enseñanza de Vigo”, adscrita á UGT, como, e quizais é o máis significativo, coas misión pedagóxicas de formación cultural e a súa presenza nas directivas das sociedades agrarias parroquiais. A isto cumpriría engadir o elemento comunicador do tranvía, tanto no interior do Val como con Vigo, e mesmo a existencia dun sindicato de traballadores de tranvía Vigo- A Ramallosa.

No Miñor, para unha poboación total duns 15.000 habitantes  mataron, dun xeito ou doutro, 70 veciños

Politicamente había unha forte presenza do PSOE nos tres concellos e do anarquismo entre as xentes do mar, mesmo con militantes da FAI; cara á  metade do quinquenio republicano vai aparecendo o PCE, mentres que o republicanismo burgués, culto e de formas modernizantes, prendía entre sectores das elites económicas baionesas,mesmo cunha versión enxebrista do galeguismo a través da influencia de José Rodríguez Vicente “Joselín”.

Sobre estes sectores, e dun xeito sobranceiro sobre o movemento obreiro, os mariñeiros, os agrarios e o maxisterio, cebáronse os perseguidores. En números bastos, no Miñor, para unha poboación total duns 15.000 habitantes  mataron, dun xeito ou doutro, 70 veciños, abriron trinta causas militares nas que imputaron máis de 200 veciños, ao que cómpre engadir outras cincuenta persoas cuxos cadáveres se recolleron en territorio miñorán.

As dereitas conservadoras apostaron ao inicio polo “lerruxismo” pero, tras o desprestixio de Emiliano Iglesias, sectores minoritarios viraron cara ao agrarismo e os demais fóronse achegando ao calvosotelismo, que rematará por apoiar a Falanxe e os militares sublevados.

Un dos fitos do terror fascista no Val de Miñor é a coñecida como a masacre da volta dos 9, suceso que ti tes investigado, como aconteceu, a que respondeu e como ficou na memoria?

Foi o estoupido da vinganza, o desafogo da fera, o horror do coronel Kurtz en Apocalipse Now de Coppola. O Kurtz miñorán chamábase cabo Pena. Andaban na procura dos irmáns Ineses, así lles chamaban por ser fillos de Inés. Ambos estiveran en América. Un socialista e uxetista. Outro anarquista, faísta e esperantista, era Pepe “Saluto”, do que xa falamos en Nós diario; remataron por agocharse nunha casa en Sabarís. Sospeitaban que alí estaban, entraron,  o falanxista Refojo resultou ferido, os irmáns matáronos minutos despois. Refojo rematou por morrer. Pena e os seus foron a Vigo, na cadea non lles deixaron pillar a ninguén, pero no frontón de María Berdiales apañaron a nove, torturáronos e na amañecida matáronos nunha reviravolta da estrada. Cinco eran de Panxón, catro de Baiona. Os nove mariñeiros, sindicalistas. Nacía un topónimo para exercer a memoria e o mito.

A masacre da volta dos 9, foi o estoupido da vinganza, o desafogo da fera, o horror do coronel Kurtz en Apocalipse Now de Coppola

Sinalas no teu artigo que a represión “non foi obra duns cantos nomes que a memoria popular identificou coa perversión moral, senón dun aparato organizado, mesmo dende antes do golpe de Estado”, que queres dicir con iso?

Quero retrucar o mito creado arredor dunha mala besta como o cabo Pena. Na memoria popular ficou gravado como a personificación do mal, pero o que fixo non o puido facer só, nin coa axuda duns poucos números da garda civil. Tivo que contar con moitos apoios, no só para pescudar, asexar e delatar, senón tamén para torturar e disparar, ademais de coa aquiescencia ou lexitimación de personaxes como o protagonista da novela de Casares Deus sentado nun sillón azul,de persoeiros sociais ou abastados propietarios, ou, cando menos co mirar para outro lado. Ese “aparato organizado” foi no fundamental a Falanxe da Ramallosa, pero tamén a de Gondomar e Baiona.

Titulas a túa entrega no coleccionábel como Limpando a retagarda. A Falanxe da Ramallosa en tempos de ferro e lume (1936-1939), cal foi a importancia desta agrupación fascista no proceso represivo no Val de Miñor?

A Falanxe da Ramallosa, que abranguía todo o concello de Nigrán, incluída a Falanxe de Panxón, pero tamén Santa Cristina da Ramallosa, é dicir, Sabarís e Belesar, que pertencen a Baiona, e mais Donas e Borreiros, que son do concello de Gondomar, foi a gran estrutura fascista organizada. Sen a Falanxe da Ramallosa a persecución desatada no Miñor non seria posíbel e esta constituíuse antes do golpe do 18 de xullo a partir de elementos radicalizados da extrema dereita monárquica e sectores en conflito coas dinámicas sindicais no mar, nas obras públicas ou na mesma compañía de tranvías.

As milicias falanxistas non estiveron soas no labor represivo, cal foi a súa relación co resto das organizacións da dereita?

No inicio, a Falanxe da Ramallosaera “jonsista”, isto é, do fascismo revolucionario. No seu interior produciuse un debate e un enfrontamento, cando avanzado 1936 se quixeron incorporar ao partido tanto os gardas cívicos de Victor Lís, que non causaban moita molestia, como sectores monárquicos dereitistas, máis ou menos vinculados ao calvosotelismo, e dereitistas que participaran na vida política republicana. Aquí desempeñou un papel de relevo o crego de Sabarís e capelán da Falanxe,J osé Gómez Alonso,  que foi o aval destes sectores para incorporarse á Falanxe. A pesar da resistencia dos “camisas vellas”, tras os “sucesos de Salamanca”, o decreto de unificación de Franco resolveu o problema. En xuño de 1937 a Falanxe da Ramallosa xa era tamén “Tradicionalista” e os persoeiros da dereita, en inicio rexeitados, pasan a controlar o novo partido que coidaban sostén do novo réxime, co permiso dos militares.

comentarios