Campaña en Culleredo pola retirada dos nomes Juan Carlos I e Sanjurjo de Carricarte de rúas da vila

Piden que se retire a do rei emérito tanto por ser o “sucesor nomeado por Franco” como polos escándalos dos últimos anos. Carricarte foi procurador en Cortes franquistas.

Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).
photo_camera Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).

Desde o Colectivo Das Pedras Galladas exixen ao Concello de Culleredo a retirada do mapa de rúas da vila dos nomes Juan Carlos I e Sanjurjo de Carricarte.

“A día de hoxe no Concello, existen dúas condecoracións franquistas: unha correspondente a Juan Carlos I de Borbón, sucesor nomeado por Franco, presunto corrupto e fugado da xustiza española, e a Eduardo de SanJurjo de Carricarte, procurador nas Cortes franquistas, alcalde da Coruña do ano 63 ao 65 e cómplice da represión republicana na nosa comarca”, indican nun comunicado.

“Outorgar o mérito de presidir unha rúa é unha grande responsabilidade, igual que o tipo de referentes que creamos como sociedade, polo tanto entendemos que este non debería ir ligado a personalidades que fosen tanto moral como eticamente reprobábeis”.

Propoñen substituír o nome da Avenida Juan Carlos I por Avenida das Saíñas e a Rúa Sanjurjo por Rúa das Mariscadoras

“Somos conscientes da invisibilización da figura da muller o longo da historia e a desigualdade existente de condecoracións dependendo do sexo, por este mesmo motivo decidimos recoñecer a figura das mulleres traballadoras do noso concello nun lugar emblemático do noso concello como é a Ría do Burgo, ca substitución da Rúa de Sanjurjo de Carricarte pola Rúa das Mariscadoras”.

cuklleredo memoria

“No caso da Avenida de Juan Carlos I consideramos que sería axeitado recuperar a nosa toponimia tradicional, polo tanto solicitamos que se substitúa pola Avenida das Saíñas, por ser un dos sitios onde tradicionalmente se situaban depósitos de sal, por este mesmo motivo hai varias fincas privadas da zona que se alcuman do mesmo xeito”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios