O BNG de Vigo acusa Caballero de vandalizar un monolito que homenaxea a resistencia antifranquista

O monolito, instalado no Calvario, foi utilizado este sábado como poste de amarre dunha carpa do Concello na que se repartían macetas con camelias.

O monolito foi utilizado este sábado como poste de amarre dunha carpa do Concello (Foto: BNG de Vigo).
photo_camera O monolito foi utilizado este sábado como poste de amarre dunha carpa do Concello (Foto: BNG de Vigo).

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal de Abel Caballero volveu "vandalizar" o monumento "Fiestra á liberdade", instalado no Calvario en homenaxe á resistencia antifranquista, utilizándoo este sábado como poste de amarre dunha carpa do Concello na que se repartían macetas con camelias.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou o que considera como un “novo desprezo” cara a unha peza escultórica que marca un lugar de memoria en homenaxe de "todas as persoas que deron a súa vida en defensa da liberdade".

O monumento está situado nun emprazamento no que en xullo de 1936 se ergueran barricadas populares para frear o golpe fascista.

Desde o BNG de Vigo lembran que é a segunda vez en poucos meses que se utiliza esta peza escultórica de Francisco Pazos, xa que durante o pasado nadal se colocaran ao seu carón atraccións de feira.

"O alcalde que mantén en pé a cruz franquista do Castro e que completou o skyline fascista da cidade coa instalación do Sagrado Corazón na ermida da Guía, volve demostrar o seu profundo desprezo contra a memoria histórica e democrática da cidade, reducindo este monumento no Calvario a un poste", reprochou Igrexas.

Impulso do BNG

O candidato nacionalista quixo recordar que foi por impulso do BNG que desde o Goberno municipal se dignificou este "lugar de memoria", co monolito inaugurado en marzo de 2011, despois de retirar o escudo franquista da Casa das Artes ou de incluír no rueiro da cidade o nome de represaliadas e resistentes contra a ditadura franquista.

"O desprezo pola memoria histórica é un insulto a todas as e os demócratas. E especialmente inaceptábel e ofensivo cando provén dun alcalde que se afirma progresista e que reivindica ter sido exiliado polo franquismo", concluíu o concelleiro nacionalista.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios