O BNG de Vigo pedirá que o Concello rexeite dous parques de eólica mariña perto das Cíes

Nunha rolda de prensa, o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, explicou que eses dous parques, con 34 aeroxeradores cada un, terán un "evidente impacto".
Xabier Pérez Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabier Pérez Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo (Foto: Nós Diario).

O BNG presentará unha moción no próximo pleno municipal de Vigo para que a Corporación exprese o seu rexeitamento á instalación de dous parques de éolica mariña a uns 40 quilómetros das illas Cíes, e para que reclame tanto á Xunta da Galiza como ao Goberno español que paralicen estas iniciativas, bautizadas como 'Volanteiro' e Celta II', e impulsadas por Ferrovial e Capital Energy.

Nunha rolda de prensa, o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, explicou que eses dous parques, con 34 aeroxeradores cada un, terán un "evidente impacto" non só ambiental, senón tamén socioeconómico, porque prexudicarán a actividades "estratéxicas" como a pesca e o marisqueo.

Ademais, incidiu, as instalacións van acompañadas de infraestruturas como cableado, tamén en terra, e a súa regulación aínda está en pleno desenvolvemento.

Finalmente, sinalou que os galegos "soportan" os custos de producir unha enerxía que exportan a outros territorios que, como a Comunidade de Madrid, "non teñen nin un só aeroxerador".

Por iso, pedirá no pleno que a Corporación exprese o seu rexeitamento aos proxectos e que tamén o faga o Goberno municipal.

"Espolio colonialista"

Igrexas tamén reclamará que se inste á Xunta e Goberno do Estado a paralizar eses proxectos, que son o reflexo dun modelo de "espolio colonialista".

Comentarios