O BNG de Vigo presenta unha candidatura "plural, diversa e comprometida"

Xabier Pérez Igrexas volve encabezar a lista nacionalista na cidade olívica.
Integrantes da lista do BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Integrantes da lista do BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Vigo presentou esta segunda feira as nove persoas que acompañarán Xabier Pérez Igrexas nos primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais de maio, unha candidatura "diversa e plural", con xente "comprometida" e coñecedora da "realidade" da cidade e das verdadeiras necesidades dos seus veciños, afirmaron desde a formación nacionalista.

Nun acto decorrido no monte do Castro, o concelleiro nacionalista e cabeza de cartel do BNG agradeceu a "xenerosidade" das persoas que o acompañarán e que forman un "equipo potente", do que sairá o próximo grupo municipal do Bloque, que será "garantía dun novo Vigo, máis habitábel e máis verde, máis igualitario, que volva ser pulmón industrial da Galiza e capital da innovación".

Así, no posto 2 da lista figura Ana Martínez, traballadora da Universidade de Vigo e responsábel de Cultura do BNG da cidade; no posto 3 estará Filipe Abalde, adestrador e preparador físico, vinculado tamén ao mundo audiovisual; no posto 4, a avogada Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística; e no posto 5, Brais Ruanova, que foi responsábel comarcal de Galiza Nova e traballador do sector agroquímico.

Os dez primeiros postos da candidatura complétanse coa deputada no Parlamento galego Carmela González; o responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride; a activista social Olaia Chaves; o independente Vítor Vaqueiro, docente e ex director do Arquivo Pacheco; e a enfermeira Pilar Rodríguez, secretaria comarcal de CIG-Saúde.

A presentación deste primeiro tramo de candidatura volverá facerse o próximo 2 de marzo, nesa ocasión coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Auditorio Mar de Vigo da cidade olívica, ás 20 horas.

Comentarios