Un acto institucional do Concello homenaxeará esta sexta feira en Compostela a Ánxel Casal

O acto ten por finalidade honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represalias tras o golpe franquista  do 36

Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago
photo_camera Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago

A Casa do Concello de Compostela acollerá o vindeiro 18 de agosto ás 12horas, un acto institucional en lembranza e homenaxe do alcalde nacionalista Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e “á de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia”.

Nesta homenaxe participarán representantes dos concellos de Santiago de Compostela, de Teo e de Arzúa co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita.

 Así, están previstas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; da tenente de alcaldesa, María Rozas, da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; e do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.

Ademais de convidar ás corporacións municipais dos tres concellos, desde o Concello de Santiago tamén se cursou convite a persoas e entidades que, ao longo do ano, realizan actividades relacionadas coa Memoria Histórica.

Este acto institucional ten por finalidade honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represalias tras o golpe do 36, e nomeadamente a figura de Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto dese mesmo ano en Cacheiras.

Alén de ser o alcalde de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega.

Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios