Entrevista

Ana Cabana, historiadora: "As mulleres do rural lideraron a resistencia"

A historiadora Ana Cabana (Castro de Rei, 1976) analiza en 'Cento cincuenta mulleres e ningún home' o papel da muller rural nas protestas sociais no campo galego durante o franquismo. O artigo, publicado en 2021 na revista 'Historia Social' vén de recibir o premio á introdución da perspectiva de xénero convocado pola USC.
Ana Cabana fai parte do grupo de investigación Histagra (USC). [Foto: Marcos Franco]
photo_camera Ana Cabana fai parte do grupo de investigación Histagra (USC). [Foto: Marcos Franco]

Ciento cincuenta mujeres y ningún hombre dálle continuidade a súa traxectoria investigadora no ámbito das feminidades rurais. Esta vez deita a mirada sobre mulleres e conflito na posguerra.
Sen dúbida forma parte da miña liña de investigación que, sobre todo nos últimos anos, transitou polo que é o estudo das mulleres rurais. É un traballo que se inscribe en lóxicas que van máis aló desta achega puntual e que focalicei no conflito. Quería ver cal era a presenza das mulleres rurais cando había un conflito no franquismo, cando non podía haber un conflito sen un gran custo social.

—En que conflitos reparou para analizar o rol das mulleres rurais?
Primeiro escollín a provincia de Pontevedra como espazo de estudo e dentro deste territorio elixín tres conflitos concretos, un por década: un nos anos 50, outro nos 60 e o terceiro xa na recta final do franquismo, entre  1975-1979. E escollín Pontevedra porque dispuña dun amplísimo proxecto de recuperación da memoria asociado ás mulleres.

 —Cal foi o primeiro?
Un conflito que se deu nas parroquias rurais do concello de Pontevedra no ano 1953, consecuencia da decisión de non pagar unha cota que había que aboar ás Irmandades Sindicais de Labradores e Gandeiros. Foron as mulleres as que se puxeron diante, as que protagonizaron e lideraron a idea de non pagar malia a todo. Cando as irmandades, ao ver que non pagaban, trataron de cobrar pola vía xudicial, é dicir, de facerse coas terras daquela xente, outras mulleres defenderon eses espazos da acción xudicial e policial.

—Onde tivo lugar a segunda protesta social que estudou?
Foi un conflito moi puntual que sucedeu en Ponte Sampaio, hoxe parroquia do municipio de Pontevedra aínda que entón era case un concello propio. As mulleres eran labregas pero tamén tiñan no marisqueo unha fonte de ingresos. En 1963, o desenvolvemento urbanístico de Vigo fixo que a a Luís Castro Valdivia rea tivese moito valor, até o punto que chegou alí unha empresa que se puxo cunha draga a sacar area, a mesma na que elas extraían o marisco e que termaban dos seus predios de ribeira. Víronse tan prexudicadas que organizaron unha protesta que incluíu apedrar a propia draga e o persoal que traballaba nela e  tamén algún enfrontamento directo coas forzas da orde franquistas.

—Cal foi o terceiro?
O da AP-9, que atravesa a Galiza polo eixo atlántico. Foron moitas as comunidades rurais que se viron afectadas e moitas as mulleres que encabezaron unha das formas de loita contra unha autoestrada que lles desfacía o seu espazo vital. O que pedían era que se movese un pouco o trazado para non perder os mellores terreos, para que as casas non quedasen sen acceso a elas, á igrexa, ao camposanto; pedían tamén mellores prezos polas terras agrícolas que lles sacaban. Deuse unha loita xenérica en moitos planos pero as mulleres tiveron moita importancia nun moi concreto, o da presenza física diante de máquinas, o de non deixar traballar.

—Que ten en común esta acción social colectiva das mulleres?
A presenza de mulleres é moi usual durante o franquismo. Estudei estes tres casos pero hai máis. En Lugo, cando nos anos 40 o franquismo impuxo a requisa de cereais foron as mulleres as que se puxeron diante dos que o viñan requisar e todos temos en mente as fotos de Xosé Castro nas Encrobas. As mulleres do rural, máis aló do fogar, tiñan unha cultura propia, campesiña, que as tiña fóra do ámbito doméstico moitas horas. Nese transitar o espazo público gañaron moitos sitios propios e ocuparon outros en momento de conflito. Acompañan os homes pero, sobre todo, lideran absolutamente a resistencia.


O legado fotográfico de Anna Turbau

Ana Cabana contou para este estudo da protesta social despregada por grupos de mulleres rurais na Galiza da posguerra con fontes documentais escritas, orais e con imaxes. "As fotografías  de Anna Turbau do conflito da AP-9 foron moi importantes para min, inmensamente ricas", destaca. A fotoxornalista catalá percorreu Galiza entre 1975 e 1979 e legou os seus fondos ao Consello da Cultura Galega. Turbau retratou os espazos femininos dentro da resistencia onde os homes protagonizaban outras formas de protestar.

"No caso da AP-9, quen ía a Santiago, asinaba papeis e acudía a reunións de noite eran os homes", aclara Cabana. Non se observa igualdade, mais a feminización deste tipo de protesta, co corpo, é clara. Eran elas as que "ían defender, como din moi ben en Pontevedra, porque eran as xestoras do territorio, as labregas", e reclamaban "un sitio que lles permitise facer unha defensa acérrima do seu".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios