Máis

Unha viaxe á Galiza de Pardo de Cela

É un dos itinerarios culturais máis veteranos da Galiza. Fundado en 1971 polo divulgador e escritor focego Suso Fernández, resiste sen amparo oficial desde hai máis de 50 anos. Eis a Ruta Pardo de Cela, un percorrido polo patrimonio, a arte, a natureza e a historia do Reino da Galiza.
Catedral de Mondoñedo
photo_camera Catedral de Mondoñedo

A basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz (A Mariña) é un dos espazos máis caracterizados do románico galego. Construída na súa forma actual entre os séculos X e XI, garda entre os seus muros unha importante colección de frescos murais, maiormente do século XII, análogos aos existentes naquela altura na catedral de Compostela. Porén, a maioría dos autores apuntan que se asenta sobre unha construción anterior, probabelmente do século V, que a maioría da historiografía asocia ao mosteiro Máximo dos bretóns. 

A primitiva sede episcopal mindoniense está asociada a feitos e nomes centrais da nosa historia. Comezando polo bispo Mailoc, cabeza daqueles británicos exiliados no norte galego desde o século V, á súa fronte situáronse varios membros da familia Goterres, núcleo central da oligarquía galega na Alta Idade Media, entre eles San Rosendo, irmán, curmán e tío de reis e auténtico poder fáctico do espazo cristián peninsular no século X. 

Un digno sucesor de Rosendo foi Gonzalo Froilaz, irmán do Conde de Traba e elevado a santo polo pobo, non por Roma, tras derrotar, segundo a tradición, unha armada normanda. As pegadas de Gonzalo están presentes na coñecida como fonte da Zapata, a cuxo carón se atopa o Espazo Caritel, un extraordinario conxunto de arte e natureza, dirixido polo artista Daniel Caxigueiro.

San Martiño de Mondoñedo serviu de emprazamento ás forzas mercenarias ao servizo de Castela, dirixidas polo bretón Mudarra, que cercaron durante meses o castelo da Frouseira, onde se refuxiaban Pardo de Cela e parte dos seus fieis. Precisamente, Mudarra fundou no templo unha capela e unha misa anual, que se mantivo até o século XIX, para honrar os seus soldados mortos durante a campaña militar.

A Frouseira

A Frouseira, emprazada na parroquia focega do Valadouro, garda aínda restos arquitectónicos da fortaleza onde resistiu Pardo de Cela o asedio castelán. Situada a 500 metros de altitude, ofrece unhas vistas privilexiadas de toda a área costeira desde Tapia, nas terras do Eo-Navia, até Viveiro e, tamén, de toda a zona interior da Mariña.
A memoria de Pardo de Cela está moi viva na tradición oral da Frouseira e de toda a comarca da Mariña. Unha lenda aínda moi presente sinala que desde a fortaleza da Frouseira, o mariscal coa axuda dunha sortella de ouro, era quen de botar barcos ao fondo do mar ou mesmo arroxar pedras contra a torre dos Moscoso en San Martiño de Mondoñedo.

A torre de Castro de Ouro

A poucos quilómetros da Frouseira álzase a torre do Castro de Ouro, emprazada no concello de Alfoz, nas terra do Valadouro. A edificación, asentada sobre un castro, data do século IX, véndose beneficiada en 1220 pola política do monarca galego  Afonso VIII, que lle concede a denominación de vila. Pardo de Cela posuíu a fortaleza durante, practicamente, toda a súa vida, situándose perto da mesma a casa de Fonso ou Fonsa Iañez, onde segundo a tradición ou a Executoria foi detido polas tropas castelás. 
A torre do Castro de Ouro, rehabilitada no século XIX, custodia no seu interior un espazo dedicado a recuperar a memoria do mariscal. Precisamente, toda a súa contorna está chea de referencias a Pardo de Cela, destacando entre as lendas aquela que fala de longos pasadizos subterráneos que unen esta fortaleza coa da Frouseira, que o mariscal percorría a diario no seu cabalo, as máis das veces para tomar café entre as vivendas da parroquia.

As terras de Mondoñedo

Mondoñedo é unha parada inescusábel nesta viaxe. A antiga capital do norte galego, destaca polo seu importante patrimonio civil e eclesiástico, significándose entre este a súa vella catedral. O templo, onde se mestura o románico, gótico e barroco, comezou a erguerse a mediados do século XIII, 100 anos máis tarde do traslado da sé episcopal de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

A catedral, onde sobresae un rosetón gótico de cinco metros de diámetro e uns frescos do mesmo estilo do século XIV, garda no seu interior os restos mortais de Pardo de Cela. Precisamente, a súa tumba atopábase no lugar sinalado pola Relazón da Carta Executoria, un documento en galego de principios do século XVI, ocupando, actualmente, un lugar discreto no interior do templo.

As lendas sobre o mariscal percorren toda a contorna da catedral. Así, a tradición sinala que a primeira raiola de sol que entra polo rosetón da catedral na maña da véspera de San Xoán sinala o punto exacto onde está enterrado Pardo de Cela, ligándoo a todo o ciclo máxico da festa máis máxica das galegas e dos galegos. Outro tanto acontece coa Fonte Vella, onde sitúa o pobo a cabeza do mariscal após ser degolado e rodar pola praza durante uns minutos.

O barrio dos Muíños, coñecido como a pequena Venecia, é o marco onde se atopa a Ponte do Pasatempo. O nome deste paso, segundo a versión común das xentes, débese a que naquel lugar de saída do camiño de Castela, uns cóengos entretiveron o 17 de decembro de 1483 a Isabel de Castro, a muller de Pardo de Cela, que retornaba de Medina do Campo cun indulto para o seu marido da súa curmá a raíña Isabel “A Católica”, co fin de quen non chegase a tempo para evitar a súa morte. 

O mosteiro de Lourenzá

A viaxe remata no mosteiro de Vilanova de Lourenzá. O edificio, hoxe destinado a usos administrativos e relixiosos, comezou a construírse a finais do século X, porén pouco fica da súa construción orixinal. Nel destaca o claustro maior, obra do arquitecto Juan de Villanueva, máximo representante do estilo neoclásico no Estado, e a igrexa, cuxa fachada é da autoría de Fernando Casas Nóvoa.

O mosteiro foi fundado en 960 por Osorio Goterres, popularmente coñecido como o Conde Santo, malia non estar canonizado pola igrexa. Neto de Hermenexildo Goterres foi sobriño dos monarcas Ordoño II e Elvira Mendes e irmán da raíña Adosinda Goterres. Foi, ademais, cuñado e curmán do rei Ramiro II, curmán de San Rosendo e tío dos reis Ramiro III e Vermudo II. Facía, así, parte do núcleo duro da oligarquía galega. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios