As fillas rebeldes de Pardo de Cela

O asasinato de Pedro Pardo de Cela en 1483 a mans dos exércitos  dos Reis Católicos non significou a derrota definitiva da rebelión galega contra Castela. As fillas do mariscal e de Isabel de Castro, netas por parte de nai de Pedro Álvarez de Osorio, conde Lemos, continuaron a loita do seu pai, non ficando atrás en perseveranza e valor.

Torre de Caldaloba
photo_camera Torre de Caldaloba, en Cospeito, onde morreu loitando contra Castela, Constanza de Castro. (Foto: Nós Diario)

Beatriz de Castro, a primoxénita do matrimonio, canda o seu compañeiro Pedro de Bolaño, outro dos fieis do señor de Pardo de Cela, mantivo a rebeldía durante anos nas terras da Mariña e Ortegal, defendendo a causa pola que morreu seu pai, unhas veces no campo de batalla e a partir de 1487 nos tribunais de xustiza.

A persecución contra Beatriz foi parella á do resto da familia, iniciando un preito  contra ela o alcalde de Mondoñedo en outubro de 1482, seguindo as instrucións de Fernando de Acuña, e decretando en 1483 os Reis Católicos o desterro da súa parella Pedro de Bolaño fora do de Galiza así como o seu confinamento en Astorga.

Beatriz de Castro e Pedro de Bolaño

A decisión real de desterrar a Pedro de Bolaño do Reino de Galiza tiña o obxectivo de apartar dos escenarios de conflito a un dos máis firmes opositores á súa política centralizadora. Porén Bolaño, obrigado pola orde de Isabel e Fernando a non poder abandonar Astorga, mantívose primeiro nas terras luguesas e do cantábrico galego e acudiu posteriormente a combater a Ponferrada, a carón de Rodrigo de Castro que volveu a erguer a bandeira da revolta galega  en abril de 1485 coa toma da referida vila. 

A participación dos descendentes de Pardo de Cela neste derradeiro episodio da revolución galega de finais do século XV deu pé a unha nova fase na persecución contra Beatriz de Castro e Pedro de Bolaño, ameazados en 1486 de “confiscacion de sus bienes e tierras e vasallos e so pena de otras ciertas penas” por “siendole mandado que no entrase en el Reyno de Galisia ni en el Bierço, especialmente en la villa de Villafranca, en la qual e en otros logares dixo que estovo por tres años”.

A morte no castelo de Caldaloba

Constanza de Castro, a máis nova entre as herdeiras de Pardo de Cela e Isabel de Castro, morrereu en combate loitando contra as forzas castelás que a tiñan cerca no castelo de Caldaloba. Após o asasinato do pai, refuxiouse canda o seu marido Fernán Arés de Saavedra, no castelo de Vilaxóan ou de Caldaloba, na parroquia de San Martiño do Pino, no concello de Cospeito, onde resistiu o cerco das tropas casteláns, comandadas por Diego López de Haro, ao longo dun ano.

As duras condicións impostas aos asediados, provocou que durante o ano 1484 boa parte deles morreran, entre elas  Constanza de Castro, a consecuencia de consumir auga contaminada, salvándose exclusivamente, segundo o cronista Vasco da Ponte, Fernán Ares de Saavedra, ferido por pedra de trabuco e que veeu incautado a totalidade dos bens,

Vasco da Ponte certificou que Ares de Saavedra e outros “tres homes” foron salvados da execución por Diego de Andrade. Arés de Saavedra, obrigado a acudir á guerra de Granada como tantos nobres galegos rebeldes para salvar a vida, morreu nun lance nas terras do sur peninsular.

Constanza de Castro

Constanza de Castro é outra das incógnitas por resolver do quebracabezas da Galiza do século XV. Nada arredor de 1445, probabelmente nas terras de Viveiro, casou en primeiras nupcias cun medio irmán da súa nai, Galaaor Osorio a quen en 1460 o Conde de Lemos, do que era fillo ilexítimo, lle cedeu as vilas de Castro de Rei e Outeiro de Rei  para que puidese emparellar coa filla de Pardo de Cela.

O matrimonio con Galaaor Osorio, un dos fidalgos máis significados da baixa Idade media galega pola súa lealdade e proximidade a Pedro Osorio, rematou por disolverse, probabelmente polas desavinzas co sogro. Unida posteriormente a Fernán Ares de Saavedra, fillo de Ares Vázquez de Parga e Constanza López de Saavedra, sobriña do mariscal, señor de Guitiriz , a súa xinea terá continuidade  en Constanza de Saavedra, ao tempo casada con outro grande rebelde galego, Pedro de Miranda, camarada de loita de Pardo de Cela e Pedro de Bolaño polas terras mariñás e do Bierzo.

A derrota da rebelión galega do século XV iniciou unha nova etapa na historia de Galiza. A historia continuou, pero o noso pais entrou noutra fase, definida pola incapacidade de iniciativa convertida nunha realidade marxinal da monarquía castelá.

Máis en Información do Reino
Comentarios