Cando "facerse o galego" é algo ofensivo: as orixes da 'galaicofobia'

"Responder á galega", "ser un galego", "necesitar que un galego te axude"... As expresións galaicofóbicas seguen inzan nos medios de comunicación estatais tras situarse no punto de mira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, por mor da crise interna do PP. 'Nós Diario' analiza co profesor da UDC Alexandre Peres Vigo a orixe destes agravios, que data na fin da Idade Media, "cando a Galiza pasou de ser un reino prestixioso a unha gran conflitividade con Castela e comezou chegar propaganda antigalega" que definía ás e os galegos como "bárbaros", "parvos" ou mesmo "seres inferiores".
Teodoro García Egea, esta terza feira, á saída da reunión de urxencia da directiva do PP (Foto: Óscar J. Barreiro / AFP7 / Europa Press).
photo_camera Teodoro García Egea, esta terza feira, á saída da reunión de urxencia da directiva do PP (Foto: Óscar J. Barreiro / AFP7 / Europa Press).

Na entrevista que concedeu esta terza feira a La Sexta, o xa ex secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, escudouse nunha enrevesada resposta sobre os "límites das persoas" cando a xornalista Ana Pastor pulsou a súa opinión sobre Miguel Ángel Rodríguez, 'man dereita' de Isabel Díaz Ayuso. "Estoume volvendo gallego", concluíu entre risas o político murciano.

A prensa estatal non tardou en facerse eco destas palabras para referirse á crise interna do PP. "García Egea se vuelve gallego en la tele", titulaba esta cuarta feira o xornal El País nunha columna de opinión asinada por Antonio Jiménez: "Confesou varias veces que o traballo de secretario xeral consistía en ser o malo da película. Nese papel era moito máis críbel que o que desempeñou onte, o de bo do conto, ou o do galego. A Ana Pastor faltoulle unha última pregunta: Para que veu vostede aquí?", conclúe o texto.

Mais antes xa de que García Egea se "volvese" galego en prime time, os principais medios do Estado xa sinalaban Alberto Núñez Feixoo, "el gallego", como o candidato favorito para reconducir o partido. Escoitamos estas expresións acotío, mais... De onde proceden?

"Desde o século XVIII, cando se estabiliza a emigración galega cara a Castela, empeza a haber esa idea dos galegos como parvos ou 'ganapáns', como dicían eles, porque a maior parte dos que chegaban facían os traballos que podían, os máis duros", explica a Nós Diario Alexandre Peres Vigo, profesor na Universidade da Coruña (UDC) e estudoso na materia da 'galaicofobia'.

Peres Vigo lembra que "facerse o gallego" equivale no español coloquial a "facerse o parvo". "Iso servía de xustificación para o maltrato que sufrían os galegos, xa que ían realizar traballos de mínima cualificación e en pouca estima, que lles correspondían porque eran considerados inferiores", apunta.

Lonxe de recoñeceren o "maltrato", os casteláns xustificaban esta situación "culpando os galegos por seren parvos e se deixaren facer". A propia Rosalía de Castro deu conta desta situación nun dos seus poemas máis coñecidos:

"Castellanos de Castilla,

tratade ben ós galegos;

cando van, van como rosas;

cando vén, vén como negros"

Castela e a "propaganda antigalega"

Peres Vigo afirma que a cuestión era ben distinta até que a Galiza perdeu poder: "Cando os galegos pasamos de ser un reino prestixioso a unha gran conflitividade con Castela na fin da Idade Media, comezou chegar propaganda antigalega sinalando os galegos xa non como parvos, senón como seres bárbaros e salvaxes... Rivais, en definitiva".

A concepción sobre a poboación galega foi mudando ao longo do tempo. Así, no século XVI, cando comezou a migración galega, o sentimento imperante era o de "desconfianza". "Crían que o galego era demasiado listo, que furtaba. Mais unha vez que iso se estabiliza o galego deixa de ser a persoa que vén de fóra e da que desconfías para ser quen fai os peores traballos e, polo tanto, é parvo".

Expresións como "responder á gallega", salienta, estaban presentes xa naquela altura. "En francés ten o seu equivalente, 'responder como un normando'; isto é, dunha forma dubitativa ou falsa de alguén sen ideas claras". Xa entrado o século XVII, conta, popularízase a visión do galego como "lacaio" ou "persoa servicial, para uns anos despois pasar á cualificación de "parvo".

O historiador Gabriel Vergara y Martín deixou constancia a comezos do século XX da existencia de "refráns que veñen da crenza que teñen en Castela de que o galego é un ser inferior". Tamén estudosos de toda Europa deron conta destas expresións, lembra Peres Vigo, a pesar de que "sen galegos, Castela non prosperaría", xa que eran quen facían os traballos máis duros.

A faísca que prende con facilidade

Expresións como "facerse o gallego", "ser gallego" ou "necesitar que un gallego te axude" están "no día a día" das castelás e casteláns. "Téñenas aí porque se transmitiron a través de varias xeracións. E hai tamén unha casuística política, que non temos peso económico nin político; isto é, non temos un perfil moi propio, e dalles igual dicir impunemente estas barbaridades", sostén.

En momentos como o actual, no que a actualidade informativa sitúa a Galiza no centro do debate, agroman os agravios. "Toda esa galaicofobia, habitual nos medios de comunicación, faise evidente a pouco que falan cando se agrava un conflito", indica Peres Vigo.

Comentarios