A historia por coñecer de Pardo de Cela

O Mariscal Pardo de Cela.
photo_camera Pedro Pardo de Cela, nun óleo de Manuel Angel Álvarez, propiedade da Deputación de Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra).

O vindeiro sábado 16 de decembro Nós Diario agasalla as lectoras e os lectores cunha biografía de Pedro Pardo de Cela. A obra, da autoría do historiador, doutor e profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo, fai parte da colección 'Biografías esenciais do Reino da Galiza', que incorpora outros dous volumes máis -sobre as abadesas galegas rebeldes contra os Reis Católicos e sobre Fernando Ruis de Castro-. As investigacións representan unhas novas achegas sobre as revoltas galegas contra Castela que se sucederon entre os séculos XIV e XVI.

Pedro Pardo de Cela. Vida, morte e memoria dun nobre galego é máis que unha achega biográfica á figura do marechal rebelde. A publicación ofrece unha panorámica da revolta galega do século XV, cando un amplo movemento de carácter nacional e popular tentou virar a sorte do país, arrendándoo de Castela, uníndoo a Portugal e ligándoo aos pobos atlánticos, na liña da alternativa defendida por Fernando Ruis de Castro 100 anos antes.

O alcance desta revolución ficou testada na documentación ofrecida polos propios cronistas dos Reis Católicos, até o punto de sinalar o secretario de Estado deses monarcas, Hernando del Pulgar, que 1.500 galegos e galegos víronse obrigados a exiliarse en Bretaña e Portugal para fuxir da represión castelá.

O traballo de Peres Vigo reconstrúe a campaña militar lanzada por Castela para derrotar a rebelión galega. Neste sentido, indica a Nós Diario que “Isabel e Fernando enviaron as tropas castelás da Santa Irmandade á Galiza en 1480 baixo o liderado do vicerrei Fernando de Acuña. Axiña, as accións bélicas da Irmandade se dirixiron contra o propio Pardo de Cela e os seus partidarios, considerados rebeldes á Coroa castelá. A persecución das autoridades reais contra o Marechal levou este a procurar refuxio na súa inexpugnábel fortaleza da Frouseira [Foz, A Mariña], onde durante meses resistiu o asedio das tropas de Acuña”.

A biografía sobre Pardo de Cela editada por Nós Diario ofrece novos prismas sobre a as formulacións políticas defendidas polo Marechal. Concretamente, un dos aspectos novidosos que  fornece esta investigación é a posición de Pardo de Cela en relación coa causa da raíña Xoana.

A este respecto, Peres Vigo lembra no seu traballo como diversos cronistas casteláns de referencia no período, entre eles Alonso de Palencia, sitúan o rebelde galego no partido portugués, en coherencia coas teses defendidas pola historiografía clásica galega. Neste sentido, as achegas deste traballo evidencian a necesidade de novas análises sobre tempo político do século XV e dos 10 séculos do Reino da Galiza.

Pardo de Cela e Portugal

Alexandre Peres Vigo explica que durante o conflito entre os Reis Católicos e a raíña Xoana e o seu esposo e rei luso, Afonso V, onde se debate a independencia da Galiza e a súa unión con Portugal, “a postura do Marechal estivo marcada pola prudencia, con todo, os cronistas castelás ao servizo dos Reis Católicos non dubidaron en sinalar Pedro Pardo como aliado do rei de Portugal. Ese apoio, real ou non, podería explicar o ataque dunha frota biscaíña enviada polos Reis Católicos á vila de Viveiro”.

Neste punto, asevera que “do que non hai dúbida é de que Pedro Pardo axiña foi unha persoa non grata para os Reis Católicos, até o punto de vetaren a entrada do Marechal en Viveiro e encargar o seu acoso ao corrixidor castelán Fernando de Cerón”.

A viaxe ao Reino da Galiza de Alexandre Peres Vigo

O profesor da Universidade da Coruña (UDC), o doutor Alexandre Peres Vigo, é autor dunha cumprida bibliografía sobre o Reino da Galiza. Neste contexto, explícase a súa biografía de Pedro Pardo de Cela, personaxe ao que xa se ten achegado en diversos traballos académicos e de divulgación. Precisamente, nas páxinas de Nós Diario coordinou en 2022 o coleccionábel Os reis e as raíñas da Galiza, onde se encargou das biografías dos monarcas galegos da Alta Idade Media.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios