47 anos dunha revolución con caraveis no canto de balas

A AJA Galiza lembra a Celeste Caeiro, a lisboeta de orixe galega que deu nome ao levantamento pacífico en Portugal.
Celeste Caeiro cumprirá 88 anos o vindeiro 2 de maio (Foto: AJA).
photo_camera Celeste Caeiro cumprirá 88 anos o vindeiro 2 de maio (Foto: AJA).

Na madrugada do 25 de abril de 1974, unha operación instigada polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), desatada ao soar Grândola, Vila Morena en Rádio Renascença, rematou coa ditadura en Portugal, que se alongara durante 48 anos. Aquel día a democracia abriuse paso no país veciño.

Así as cousas, aquela data sería por sempre coñecida como a Revoluçao dos Cravos, en referencia á icónica imaxe de centos de manifestantes colocando caraveis nos fusís dos militares, que foran enviados polo Goberno da ditadura para conter as mobilizacións, mais negábanse a abrir fogo contra a poboación civil.

A responsábel da acción, tal e como lembra este domingo o núcleo na Galiza da Associaçom José Afonso, foi Celeste Caeiro, unha lisboeta de orixe galega empregada nun restaurante que ese día ía celebrar o seu primeiro aniversario. Por iso mercara as flores. Porén, o local non abriu aquel día, xa que nas rúas estaba a decorrer unha revolución pacífica.

"A Celeste foi ao Rossio, onde os tanques militares aguardavam ordens de Salgueiro Maia, levando as flores consigo. Um soldado pediu um cigarro à Celeste, mas nom era fumadora e tudo o que tinha para lhe dar era um dos cravos que tinha trazido do restaurante", explica a AJA.

O soldado aceptou o caravel e colocouno no canón da súa arma. Os seus compañeiros repetiron o xesto e Caeiro repartiu todas as flores que tiña. Horas máis tarde, moitas e moitos floristas sumáronse a esta acción simbólica e comezaron distribuír esa flor que hoxe é "símbolo da liberdade e a luita contra o fascismo".

Celeste Caeiro cumprirá 88 anos o vindeiro 2 de maio.

Grândola, o outro símbolo da revolución vencellado á Galiza

"O povo é quem mais ordena", reza o Grândola, o himno composto por José 'Zeca' Afonso que sonorizou a revolución portuguesa. Porén, un feito pouco coñecido é que a canción non soou por primeira vez en Portugal, senón na Galiza.

O Zeca, firme defensor da unión social e cultural dos pobos luso e galego, interpretou o Grândola o 9 de maio de 1972, dous anos antes da Revoluçao dos Cravos, ante 2.000 persoas congregadas diante do Burgo das Nacións de Compostela. Era a súa primeira xira musical pola Galiza.

Comentarios