'Grândola, Vila Morena' volve á USC cincuenta anos despois da estrea

O Auditorio da Facultade de Filoloxía da USC acollerá a homenaxe 'Zeca. Maior que o pensamento' o vindeiro 10 de maio. Nela actuarán Uxía Senlle, João Afonso, Couple Coffee, Nacho Faia Lar e Xico de Carinho.
Antonio López, Uxía Senlle e Eías J. Feijó (Foto Europa Press).
photo_camera Antonio López, Uxía Senlle e Eías J. Feijó (Foto Europa Press).

Cincuenta anos despois, os acordes da canción Grândola, Vila Morena, emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa, volverán soar na USC grazas ao acto conmemorativo que, co título de 'Zeca. Maior que o pensamento', acollerá o vindeiro 10 de maio o Auditorio da Facultade de Filoloxía a partir das 19 horas. 

Na presentación da homenaxe, o reitor da USC, Antonio López, afirmou que Grândola, Vila Morena foi "o elemento detonante da revolución en Portugal" e "rememorar" ese fito histórico, así como o concerto realizado en Compostela dous anos antes, vai "pór en valor o peso do movemento estudantil en Compostela".

Nesta mesma liña, o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó, definiu o acto como un exercicio de "gratitude da Universidade ás persoas que dedicaron o seu tempo e entusiasmo para combater o franquismo, tamén de maneira cultural, artística e lúdica".

Pola súa parte, a cantante Uxía Senlle, que actuará nesta homenaxe, definiu o propio evento como todo "un acto de amor á obra e á figura do Zeca". 

Coloquio e concerto 

A homenaxe principiará cun coloquio no que participarán Zélia Afonso, viúva de Zeca Afonso; Maite Angulo, viúva do cantante Benedicto García que convenceu a Zeca Afonso para dar en Compostela o concerto de 1972; Francisco Fanhais, presidente da Associação José Afonso; e o ex presidente da Xunta da Galiza, Emilio Pérez Touriño, que presentou o mítico recital. Suso Iglesias conducirá o coloquio e intervirán as estudantes da USC Claudia Pernas e Iria Nande. 

O ramo da xornada será o concerto coa propia Uxía Senlle, João Afonso, Couple Coffee, Nacho Faia Lar e Xico de Carinho. O acto estará conducido polo actor Carlos Blanco. 

Comentarios