Un acto lembra a memoria das Mártires de Sobredo no seu 98 aniversario

O evento, condicionado pola situación sanitaria, reduciuse a unha ofrenda floral

Ofrenda por parte das bisnetas de Cándida (Foto: IEAMS).
photo_camera Ofrenda por parte das bisnetas de Cándida (Foto: IEAMS).

No día do 98 aniversario dos sucesos de Sobredo (Guillarei - Tui), realizouse un acto na memoria de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis parroquia de Tui; e dos veciños de Salceda de Caselas, Joaquín Besada, de Soutelo e Venancio González Romero, de Budiño.

Coñecidos como os Mártires de Sobredo, morreron en 1922 cando a Garda Civil disolveu a tiros centos de persoas que se concentraron no lugar para protestaren polo embargo das súas propiedades a un veciño que se negaba a pagar os foros.

"Eran momentos convulsos e dunha grande conciencia política que se exercía desde as múltiples asociacións agrarias; así, Sobredo  é desde hai case cen anos, é símbolo da unidade por defender o dereito a non pagar por traballar a terra, e tamén símbolo da importancia da solidariedade e do pobo para mudar o mundo", explican desde o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo.

Non obstante, e a causa da situación sanitaria provocada pola Covid-19, non se puido desenvolver o tradicional acto multitudinario que tradicionalmente se convoca.

Por tal motivo, este reduciuse a unha ofrenda floral no monumento, realizada ao son antiga Marcha do Reino da Galiza.

Participaron, enviando ramos e coroas, os Concellos de Tui e Salceda de Caselas; en representación das entidades veciñais e educativas:  o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, a Asociación de Veciños, Agrícola e Cultural de Parderrubias e o IES San Paio de Tui; e, de organizacións políticas, Movemento Salceda, BNG e Galiza Nova

Na propia ofrenda estiveron o alcalde en representación da corporación Municipal de Tui; o Goberno municipal de Salceda; descendentes (bisnetas) de Cándida Rodríguez, e unha comisión da Dirección do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), entidade organizadora desta conmemoración.

Comentarios