Portugal estuda premiar con cartos aos concellos que reduzan profesorado por baixo do mínimo

Alarma entre os sindicatos do ensino en Portugal ante o plan do Goberno que “para mellorar a eficiencia” pensa dar máis cartos aos municipios -que xestionan alí parte da educación pública- que teñan menos mestres dos necesarios.

O Goberno central portugués mantén a súa aposta polos recortes en nome da “austeridade” e seguindo os mandatos da Troika estuda pagar máis aos municipios que funcionen con menos profesores dos considerados como necesarios, nunha iniciativa que -segundo a versión gobernamental- busca mellorar a "eficiencia" do sistema educativo. En Portugal parte das competencias educativas públcias están transferidas ás administracións locais.

Un concello que precise 400 profesores e teña 399 recibiría 12.500 euros, a metade do que custa pagar a un ensinante novel

A iniciativa polo momento é unha proposta integrada nunha reforma que dá aos municipios poder para intervir a nivel curricular nos niveis básico (primaria) e secundario, segundo recolle o diario portugués Público. Así, nun concello no que se requiran 400 docentes e no que o número real de profesores sexa de 399, a administración local recibirá un premio de 12.500 euros ao ano, é dicir, a metade do que custa ao Goberno central un profesor novel. Pola contra, cando o número de profesores supere nun 5 por cento dos estimados como necesarios será obligatorio un "exame detallado" dunha comisión. O obxectivo é vincular o financiamento con "unha boa xestión dos recursos", segundo a linguaxe que utiliza o modelo neoliberal dominante.

"Isto quere favorecer a privatización", denuncia o sindicalista Mário Nogueira

A proposta xa provocou fortes críticas. Desde a Asociación Nacional de Dirixentes Escolares (ANDE), Manuel Pereira xa advertiu de que é unha aritmética "perigosa": "Permitirá aos municipios cambiar profesores por diñeiro". Os sindicatos de profesores, como Fenprfo, tamén consideran que se busca "premiar aos municipios que consigan reducir o número de profesores", segundo palabras do líder do sindicato, Mário Nogueira. "E isto só se pode facer a costa de dúas cousas: privatización ou peor calidade da educación", engadiu.

Comentarios